Caldas celebra a semana da ciencia con máis de 1000 rapaces e rapazas facendo experiementos

Semana da ciencia en Caldas
Semana da ciencia en Caldas
Caldas celebra a semana da ciencia con máis de 1000 rapaces e rapazas facendo experiementos

Caldas, 7 de maio de 2025. O Concello de Caldas está a celebrar  a súa Semana da Ciencia con máis de 1.000 nenas e nenos facendo experimentos a pé de rúa e nos centros de ensino. O Xardín Botánico e o Paseo Román López acolleron unha mostra de experiencias e xogos escolares relacionados con teoremas matemáticos, astronomía, intelixencia artificial, e disolucións, e as crianzas do CRA realizaron outras actividades acordes á súa idade. O tenente de alcalde Manuel Fariña agarda que a celebración desta “festa educativa”  que se celebra cada ano na vila termal esperte vocacións investigadoras entre a rapazada.

A Semana da Ciencia ‘Sabi@ Caldas’ está organizada pola Concellería de Educación e conta coa participación de todos e cada un dos centros de ensino caldenses, dende primaria ata bacharelato: IES Aquis Celenis, CPI Alfonso VII, CEIP San Clemente de Cesar, CPR Plurilingüe La Encarnación e CPR Plurilingüe San Fermín, e tamén das escolas de Godos, Carracedo, Saiar e San Andrés que forman o Centro Rural Agrupado.

O Paseo Román López e o Xardín Botánico foron un fervedoiro de escolares que amosaron os seus traballos científicos. Alí realizaron diferentes exposicións, nas que foran traballando durante as últimas semanas nos seus centros de ensino. As temáticas foron do máis variado, dende cuestións tecnolóxicas, disolucións, pasando por astronomía, intelixencia artificial e incluso xogos baseados en teoremas matemáticos. 

A rapazada de menos idade do CRA realizaron outros experimentos máis axeitados á súa idade, tales como ‘culebriñas danzarinas’ para ver as vibracións que produce o son, táboas e botellas de densidades con líquidos de cores, lámpadas de lava ou incluso xogos con auga e plastilina para comprobar a tensión superficial da auga. 

O responsable de Educación, o noso compañeiro Xosé Manuel Fariña Jamardo subliña que a Semana da Ciencia é a “semana grande da educación caldense”, agradece a grande implicación de toda a comunidade escolar e destaca que o Concello aposta por promocionar a cultura científica entre a rapazada “para que nenas e nenos exploren o seu potencial”. 

Na mesma liña manifestouse o tenente de alcalde Manuel Fariña, quen asegura que a ciencia e a tecnoloxía son chaves no mundo actual, polo que celebrar semanas da ciencia como ‘Sabi@ Caldas’ pode espertar o interese do estudantado, animando a considerar incluso estudos superiores neste ámbito. “Ter a ciencia na rúa ao alcance da man é un complemento perfecto, divertido e práctico a todo o que se estuda na clase. É un modo moi interactivo de comprender a importancia da ciencia na vida cotiá e de involucrar tamén a nais, pais e a toda a veciñanza na aprendizaxe”, subliñou.

A Semana da Cultura Científica ‘Sabi@ Caldas’ celébrase dende 2017 como homenaxe a Francisco José de Caldas, científico ilustrado colombiano de orixe caldense e fillo adoptivo da vila –coñecido como ‘Sabio Caldas’-, e ten como obxectivo promover a cultura científica entre veciñanza e escolares. 

 

Caldas celebra a semana da ciencia con máis de 1000 rapaces e rapazas facendo experiementos