Soutomaior presenta o I Mercado de Oportunidades e de Segunda Man, Primavera 2025
Soutomaior, 6 de maio de 2025. A concelleira de Hostalería, Comercio e Promoción Económica, Rosana Comesaña, presentou o I Mercado de Oportunidades e de Segunda Man, Primavera 2025 que organiza o Concello de Soutomaior. Este mercado nace coa intención de ofrecer un escaparate ás persoas e comercios para que poidan amosar os seus produtos e aumentar as súas ventas. Ten como fin dinamizar o sector económico e á vez crear ambiente de barrio, de rúa, propiciando un espazo de encontro entre a veciñanza e as persoas visitantes, para desfrutar dunha xornada de lecer e coñecer todos os recursos cos que conta o concello.
Neste Mercado participarán comercios locais, artesáns... e, tamén, persoas que desexen vender outros accesorios de segunda man para darlles unha nova vida. Un mercado que tamén potencia a economía circular e á SOSTIBILIDADE social e medioambiental ofrecendo produtos doutras tempadas que poden ser unha oportunidade.
Esta iniciativa pon en marcha medidas a prol do respecto polo medio ambiente, a sostibilidade e a aposta polos produtos de proximidade. A concelleira Rosana Comesaña destacou nesta xornada que “a dinamización comunitaria é un alicerce fundamental para a construción dunha cidadanía máis comprometida cos grandes retos da Axenda 2030 e para a Axenda Urbana de Soutomaior”.