OBRIGA A PARTICULARES E ADMINISTRACIÓNS A MANTER LIMPOS TERREOS E SOARES SITUADOS NAS FRANXAS DE PROTECCIÓN
O alcalde de Pontevedra emite un bando para previr os incendios forestais
Pontevedra, 7 de maio de 2025. Vén de facerse público o bando de Alcaldía que obriga a propietarios de terreos e soares no concello a mantelos limpos para evitar incendios forestais. Esta obriga de xestión da biomasa terase que executar antes do 31 de maio de 2025.
O bando lembra que coa chegada da tempada estival e, polo tanto, o incremento das posibilidades de incendios forestais, as propietarias teñen obriga de manter os seus terreos en condicións de seguridade, salubridade e de conservar e manter o solo natural, e, se é o caso, a masa vexetal nas condicións precisas que eviten a erosión e os incendios.
Seguindo a Lei de prevención defensa contra os incendios forestais recolle que administracións e entidades titulares de infraestruturas deberán manter limpas as parcelas nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, núcleo rural e urbanizable, arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras, parques instalacións industriais, entre outros. Inclúe tamén a Lei que no predios incluídos nas redes de faixas de protección, non poderá haber maleza nin especies como piñeiro, mimosa, acacia, eucalipto, xesta, fento, silva ou toxo.
O Concello de Pontevedra ten aprobado o plan de actuación municipal contra incendios forestais en Xaneiro de 2023, no que se recolle que o Concello vixiará o cumprimento das obrigas de xestión de biomasa nos terreos incluídos nas redes e faixas, así como os potencialmente perigosos definidos no plan.