VAI SUPOÑER UN ANTES E UN DESPOIS NO NUCLEO URBANO DE ARCADE
Concello de Soutomaior e Deputación asinan o convenio para a remodelación da praza de Talo Rio
Soutomaior, 7 de maio de 2025. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o Presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, asinaron esta mañá o convenio para a transformación do núcleo urbano de Arcade, para a praza de Talo Río, unha actuación de 1,2 millóns de euros, que será financiada a través do Plan Extraordinario da Deputación Provincial, dotado de 700 mil euros, e tamén con fondos propios do concello de Soutomaior.
O alcalde Manu Lourenzo quixo agradecer “que a Deputación entendese este proxecto presentado polo concello como unha actuación estratéxica que vai a supoñer un antes e un despois no núcleo urbano de Arcade”. Lourenzo lembrou que “está primeira actuación non implicará cambios no actual sistema de tráfico de Arcade, se ben deixará o núcleo urbano preparado para cubrir as necesidades e futuras reordenacións en mobilidade que se poidan producir debido ás obras da nacional 550”
O proxecto contará cun investimento de 1,2 millóns de euros, e será financiado con fondos do Plan Extraordinario da Deputación Provincial e fondos propios do concello de Soutomaior.
Lourenzo sinalou que “esta obra tamén vai a resolver problemas que transcenden ao propio ámbito do municipio en relación ao gran problema de separativas de pluviais e fecais que estaban supoñendo importantísimos verquidos á ría e que, con esta actuación, imos a sanear”.
Con este proxecto o centro urbano de Arcade, a praza de Talo Río, pasará a ser un espazo máis amable, transitable e pensado para as persoas. Unhas obras que non só van a contribuír a dinamizar a vida no núcleo urbano de Arcade, senón tamén a transformar a mobilidade no concello de Soutomaior.
Lourenzo concluíu que “o núcleo urbano de Arcade é un proxecto estratéxico, alédanos que tamén así o entendese a Deputación, obtendo este proxecto unha boa puntuación, e, dende logo, creo que todo o que teña que ver entre acordos entre institucións reverte en beneficio de toda a cidadanía e iso está por enriba de calquera lexítima diferencia política”.