DEMANDA QUE A DEPUTACIÓN SE POÑA Á FRONTE E SE TRAMITE A TRAVÉS DUN PIA

O BNG reclama un impulso para a construción da Via Verde

acto sobre a vía verde en Arcade
acto sobre a vía verde en Arcade
O BNG reclama un impulso para a construción da Via Verde

Pontevedra, 7 de maio de 2025. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, anunciou a disposición dos Concellos de Pontevedra, Soutomaior e Barro a colaborar coa Deputación para impulsar a Vía Verde, unha demanda histórica do BNG.

"A Deputación debe poñerse á fronte e tramitala a través dun Proxecto de Interese Autonómico (PIA)", afirmou Mosquera, que reclamou a implicación do goberno galego.

A vía verde baséase na utilización de antigos treitos do camiño de ferro xa sen uso para crear un itinerario natural, cómodo e sen grandes pendentes. Neste sentido, o edil pontevedrés recoñeceu que hai treitos especialmente complexos, sobre todo entre Portas e Arcade, onde sería necesario estudar posibles variantes e expropiacións para garantir a continuidade do trazado.

Mosquera confirmou que o concello de Pontevedra está a manter contactos cos alcaldes de Soutomaior e Barro e co propio presidente da Deputación, Luis López, que está nunha “tesitura favorable". A liña de traballo pasa, agora, porque a Deputación negocie con ADIF a cesión dos terreos inutilizados e afrontar expropiacións onde sexa necesario para crear percorridos alternativos.

Rolda de prensa en Arcade en xullo de 2023 demandando a Vía Verde, con representantes dos concellos de Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa
Rolda de prensa en Arcade en xullo de 2023 demandando a Vía Verde, con representantes dos concellos de Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa

O edil pontevedrés, que fixo referencia ao traballo do deputado no Parlamento galego, Luís Bará, e a senadora Carme da Silva para impulsar este proxecto,  salientou que na reunión mantida entre o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e el mesmo co secretario de Estado de Transportes, o representante do goberno central “abríu a porta a que poida haber unha desafectación destes treitos antigos”, aínda que tamén indicou que están condicionados pola presión da UE para pasar a ancho de vía internacional e por iso manteñen estes treitos por se son necesarios para traslado de mercadorías.

O BNG reclama un impulso para a construción da Via Verde