O V Galicia Sportech Congress volve facer de Pontevedra o epicentro da tecnoloxía aplicada ao deporte

Pontevedra, 26 de marzo de 2025. Pontevedra volverá ver e comprobar os avances máis actuais e prometedores que se dan nesa simbiose tan chamativa que acontece entre a tecnoloxía e o deporte. O V Galicia Sportech Congress fará da facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a súa casa, entre os días 2 e 3 de abril.
Tal e como lembran desde a organización, o Galicia Sportech Congress é un evento de referencia no sector, a nivel estatal, un evento en pleno desenvolvemento que avanza con vida propia e obxectivos ampliados, emprendemento, innovación e investimento en deporte, cara ao futuro con paso firme.
O congreso inclúe eventos e actividades paralelas, así como o fomento de novas redes de contactos e visitas a instalacións deportivas, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer de primeira man, e mesmo probar, algunhas ferramentas novas de carácter prometedor.
A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, quixo destacar na presentación a consolidación deste congreso dentro da cidade de Pontevedra, unha cidade “que vive o deporte dun xeito especial”. “Estamos cada vez máis preto de ser a cidade do deporte: temos grandes eventos, temos grandes equipos e temos un enorme traballo no deporte de base. Temos unha cidade que o favorece”.
A edil quixo lembrar que ao mesmo que se o deporte xera benestar e saúde, xera tamén economía, por iso eventos desta clase son necesarios e imprescindíbeis, máis aínda se van da man da universidade. “É realmente interesante ver os proxectos que aquí se presentan, pois permiten botar unha ollada cara o futuro”, indicou, ao tempo que destacou a presencia de speakers pontevedreses, coma Milo Castelo, da tenda Mission.