Soutomaior pon a punto a zona marítima de Arcade de cara o comezo do bo tempo

Soutomaior, 26 de marzo de 2025. O Goberno de Soutomaior iniciou esta semana a posta a punto de toda a contorna marítima de Arcade (Peirao, praias Muxeira e Matilde e paseo marítimo) de cara á Festa da Ostra, que terá lugar a vindeira fin de semana, e ao comezo do bo tempo, cando centos de persoa se achegan cada día a esta zona do concello. Operarios municipais levaron a cabo esta mañá a limpeza manual da praia da Muxeira. Ademais, na medida do posible, as limpezas e adecentamentos levaranse a cabo de maneira manual, co obxectivo de respectar a contorna natural e evitar o impacto negativo de usar maquinaria de maneira continuada.
Ademais, despois de incorporar a semana pasada a primeira tanda de 10 operarios municipais, o Goberno de Soutomaior xa está a levar a cabo a planificación para adecentar o centro urbano de Arcade e todos os barrios do concello nas vindeiras semanas.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, ten claro que “traballamos para que o concello estea nas mellores condicións e por iso apostamos por facer un esforzo na contratación de persoal para que os veciños e veciñas desfruten dos seus barrios limpos e adecentados”. Neste sentido o alcalde sinalou que, ao igual que o ano pasado, vaise chegar a todos e cada un dos barrios do concello, e sinalou que “non se pode limpar todo o concello nunha semana, pero imos chegar a todos os puntos para que estean limpos e arranxados”.
Ademais, de cara a maio o Goberno de Soutomaior reforzará o servizo de limpeza e mantemento de vías coa contratación doutras 9 persoas. Así, nos meses de verán e de máis afluencia de persoas no concello, Soutomaior terá un operativo especial que contará con máis de 20 persoas na rúa para que tanto a veciñanza como as persoas que visiten o concello miren Soutomaior no mellor dos estados.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu “o traballo que están xa a realizar os primeiros traballadores e traballadoras incorporadas á cuadrilla municipal co obxectivo de manter os nosos barrios limpos e como merece a nosa veciñanza. Todo isto a través dun proceso de contratación realizado con total transparencia e en igualdade de condicións. Así é como se constrúe un Soutomaior que avanza en todos os ámbitos e que está á altura da nosa veciñanza”.