A campaña de control de prazas reservadas a persoas con mobilidade reducida sáldase con 24 denuncias en cinco días

Pontevedra, 26 de marzo de 2025. A edil edil de Protección e Seguridade cidadá, Eva Vilaverde, informou que a Policía Local detectou un incremento dos estacionamentos indebidos en prazas reservadas a persoas con mobilidade reducida. Esta é unha das achegas da campaña de control e vixilancia realizada entre o 17 e o 21 deste mes de marzo, campaña na que se chegou a controlar un total de 176 vehículos aparcados, e dos que foron denunciados un total de 24 por estacionar de xeito incorrecto nestas prazas, o que sería un 13,6 %.
Dos 24 infractores e infractoras, 15 carecían da tarxeta necesaria e distribuída pola área de Benestar social para poder facer uso destas prazas, unha acción “especialmente grave”, tal como sinalou a edil pontevedresa, ao tratarse “dun comportamento totalmente incívico”. As outras 9 denuncias foron tramitadas por facer un uso incorrecto ou non válido da tarxeta, tales como estar caducada (tres casos), un uso fraudulento da mesma ao estar sendo usada por alguén que non é o titular (catro casos) ou por ambos os dos motivos (dous casos).
A cidade de Pontevedra e o seu Concello son especialmente sensíbeis para atallar este tipo de comportamentos, feito que subliñou Vilaverde, e que garda íntima relación co modelo de cidade que fomenta a accesibilidade universal e a convivencia. “É posíbel que desde a pandemia da Covid-19 se percibise certa relaxación, con carácter xeral, ao redor dos estacionamentos e os hábitos das persoas”.
Doutra banda, o Concello de Pontevedra explica que esta tarxeta é persoal e intransferible, e a persoa titular non ten que ser o condutor do vehículo, mais si debe facer uso do mesmo no momento do estacionamento. Ademais, o cartón debe estar sempre visíbel, para así poder ser revisado en caso necesario.