300 PERSOAS HOMENAXEAN ÁS CONCELLEIRAS E CONCELLEIROS HISTÓRICOS
O BNG presenta o novo responsable local de Soutomaior, Gonzalo Otero, nun multitudinario encontro municipal

O BNG de Soutomaior celebrou o sábado, 22 de marzo, un encontro municipal con motivo da proximidade dos dous anos de mandato do primeiro goberno nacionalista da historia do concello, ao que asistiron case 300 persoas entre militantes e simpatizantes.
O acto tamén tiña por obxectivo presentar a nova dirección local do BNG de Soutomaior, encabezada polo novo responsable local, Gonzalo Otero, quen estivo acompañado no escenario pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo. Na súa primeira intervención como responsable local, Gonzalo Otero reivindicou o traballo feito polo goberno nacionalista desde o comezo do mandato e estableceu as liñas mestras da nova etapa do BNG de Soutomaior.
Despois foi o turno da homenaxe aos concelleiros e concelleiras históricas do BNG de Soutomaior, que subiron de un en un ao escenario para recibir o aplauso dos asistentes e un pequeno agasallo por parte do responsable local, o alcalde e a portavoz nacional. Tamén houbo palabras de agradecemento para o responsable local saínte, José Costas, quen baixo a súa dirección conseguiu que o BNG de Soutomaior chegase ao mellor momento da súa historia.
Tras a homenaxe chegou a quenda da intervención da portavoz nacional, Ana Pontón, quen sinalou que o Goberno de Soutomaior "estades demostrando como un grupo de persoas honradas, serias e solventes poden construír un futuro ilusionante, mellorando a vida da veciñanza", indicou a líder nacionalista. Para a portavoz nacional, “en definitiva, Manu Lourenzo e todo o seu equipo son un exemplo da capacidade do BNG para poñer en marcha concellos que funcionan e a favor das persoas".
Pola súa parte, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que “o que fai anos parecía imposible todos e todas nós fixémolo unha realidade. Con honestidade, con traballo, con rigor e cunha xestión esixente, hoxe Soutomaior é un concello infinitamente mellor, máis aberto para toda a veciñanza e no que a transformación urbana e rural está avanzando a pasos acelerados. Un concello que escoita a todo o mundo e non deixa a ninguén atrás”.