O BNG insta a Cubela á restauraración integral da ponte medieval de Pedre

Cerdedo-Cotobade, 27 de marzo de 2025. Ernesto Filgueira, portavoz municipal do BNG, ven de recoller as inquedanzas da veciñanza e do Colectivo Capitan Gosende a respeito da lamentábel situación de esbarroamento na que se atopa hoxe a Ponte de Pedre.
A ponte medieval (s.XII-XV) conta con 60m de lonxitude, tres arcos lixeiramente apuntados de diversas dimensións, peitorís a ambos lados da plataforma peonil, dous tallamares e dous contrafortes. Un dos contrafortes, o de maior tamaño, 4,80m de ancho frontal e 3,25m de fondo; é o que está derrubado tal e como denuncia o BNG. Ademáis, a ponte sofre de múltiples fendas e dilatacions perfectamente visíbeis entre os sillares e a mampostería que o compoñen.
Segundo apunta Filgueira: “non se trata dunha situación recente. Ao contrario. Esta é unha situación mantida no tempo provocada por un desbroce feito polo concello no 2021 na que comprometeu a infraestrutura ao non realizar accións posteriores de consolidación das estructuras da ponte medieval”.

Para o BNG esta lamentábel situación é “un exemplo máis da política de desleixo que tanto caracteriza ao PP de Cubela, pois, que a ponte está en serio perigo de esbarroamento é un feito constatábel logo das denuncias públicas feitas por colectivos sociais ou mesmo por iniciativas levadas a pleno por parte do BNG en diferentes ocasións. Así, por exemplo, en marzo de 2023 Ernesto Filgueira instaba a Jorge Cubela a actuar urxentemente tralo derrube do contraforte o cal segue no chan e está a comprometer o conxunto da infraestructura medieval”.
O BNG presentará unha moción na que instará ao PP de Cubela a restaurar urxentemente o contraforte da ponte e a aprobar un plan de mellora integral a fin de consolidar a súa a estructura. Lémbralle Ernesto Filgueira ao alcalde: “que para atraer visitantes ás terras de Cerdedo-Cotobade debe ter os bens patrimoniais en óptimo estado de conservación o cal redundaría nunha máis que desexada consolidación do sector turístico vital para a economía municipal. Maís, o que vemos no BNG é desleixo, accións deslabazadas e unha clamorosa ausencia dun proxecto estratéxido que aposte por un turismo de calidade. E como exemplo: pontes medievais en estado ruinoso, sendas ateigadas de maleza, os Baños do San Xusto pechados, a sinalización das rutas BTT perdida, sen estacións de interpretación nos principais conxuntos rupestres, …”. Pregúntanse no BNG: “cal é o modelo turístico de Cubela para Cerdedo-Cotobade após catorce anos de goberno municipal?.