DO 11 AO 13 DE ABRIL NA TAFONA
As atraccións volverán á Festa da Primavera de Caldas

Caldas, 25 de marzo de 2025. As atraccións volverán de novo este ano á Festa da Primavera de Caldas, a cita máis verbeneira da vila termal que se celebrará os vindeiros 11,12 e 13 de abril. O Tenente de Alcalde Manuel Fariña confirmou hoxe que o Concello chegou a un acordo cos feirantes tras confirmar estes o cumprimento das normas do Plan de Seguridade que a pasada edición se negaran a asumir.
Fariña amosouse satisfeito de que se impuxera a lóxica entre as persoas propietarias das barracas tras a polémica aberta en 2024. Entón, as e os feirantes mantiveran nunha postura de forza conxunta para presionar ao Concello e “saírse coa súa” co fin de instalar os seus postos en localizacións e coas condicións concretas que lles parecían, sen o control do goberno local. Finalmente, e ante obstinación das persoas encargadas das atraccións, non se lles permitiu o acceso e as barracas substituíronse por inchables e unha festa da escuma para a rapazada.
O Concelleiro responsable de Festas subliña que este ano, de novo, vaise organizar e planificar toda a actividade na zona da Tafona de maneira estrita para evitar incidentes e actuar de maneira eficaz no caso dunha emerxencia, destacando -entre outras cuestións- a intención de controlar o botellón.
Todas as directrices de seguridade estarán recollidas nun novo Plan de Autoprotección que este ano o Concello vai contratar por segunda vez para garantir a festa e diversión coas máximas garantías. Fariña destaca que este plan, ante a previsión da grande cantidade de público que atraen as orquestras, “é básico e innegociable, porque analiza os riscos posibles na festa e organiza cuestións como as evacuacións”.
“Este ano volvemos ter música con atraccións igual que nos anos anteriores, como todas nós queriamos, pero cunha garantía de seguridade que nestes momentos é imprescindible. Calquera que vexa as posibles consecuencias de organizar espectáculos en lugares non seguros pode entender que o Concello sexa do máis estrito á hora de cumprir os protocolos, polo que agradezo a sensatez das persoas feirantes que se aveñen a cumprir as esixencias de seguridade e entenden que non todo vale. Por aí non iamos pasar”, subliña Fariña.
Como xa aconteceu na edición de 2024, a primeira xornada da Festa da Primavera, o día 11, estará dedicada ás sesións de DJ baixo o nome ‘Kalidas Primavera Fest’, e as dúas seguintes terán ás principais orquestras do país como protagonistas. As sorpresas do cartel serán anunciadas en vindeiras datas, aínda que Fariña xa anunciou que terán tanto tirón que farán de Caldas “un fervedoiro de xente unha vez máis”.