O parque de Bombeiros de Pontevedra conta cun novo robot que permitirá mellorar a seguridade dos seus traballadores

Pontevedra, 25 de marzo de 2025. O parque de Bombeiros de Pontevedra conta desde este martes, 25 de marzo, cun novo elemento que reforzará a seguridade dos seus integrantes na loita contra o lume, ao tempo que lles abrirá un novo abanico de opcións á hora de acometer unha saída. Trátase dun robot teledirixido de última xeración, con capacidade para verter auga e que conta cunha alta mobilidade terrestre.
A concelleira de Seguridade e Protección cidadá, Eva Vilaverde, explicou que esta nova adquisición por parte do Concello de Pontevedra —cuxo investimento está próximo aos 18.000 euros— permite contar cun novo recurso, case pioneiro no Estado —tan só o parque de Bombeiros de Bilbao conta con outra unidade deste tipo, ademais da empresa Michelín—, e que permite ao parque estar na vangarda tecnolóxica, ademais de mellorar a súa eficiencia e aumentar a seguridade de todos os traballadores.
Este novo robot, de control teledirixido, permite verter auga desde a distancia e entrar en espazos doutro xeito inaccesíbeis, ben por altas temperaturas, ben por gases nocivos
“Este robot poderá entrar en espazos nos que un bombeiro non podería, sexa por temperaturas ou por fumes”, sinalou. “Tamén en lugares onde pode colapsar unha estrutura ou é imposible entrar doutra maneira. É un recurso máis, un recurso útil que pensamos será unha boa adquisición”.
Ao longo desta mañá, os bombeiros pontevedreses puideron comprobar e familiarizarse cos controis do aparello, que a primeira vista amósase como un dispositivo de doado control, “semellante a un xoguete moderno”, tal e como indicou o responsábel da empresa que realizou a venda e a entrega.
Ademais de poder verter auga de distintas maneiras e presións, o robot conta tamén cunha cámara, polo que tamén ofrecerá imaxes en tempo real para que, en caso de necesidade, os funcionarios poidan valorar distintos escenarios e espazos sen poñer en risco as súas vidas nun primeiro momento.
O dispositivo conta cunha autonomía dunhas 16 horas e pode ser operado a un máximo de até 200 metros. A auga que recibe é a través dun vehículo de extinción ou a través dunha unidade fixa de auga.