A Unidade Asistencial de Drogodependencias pasará a ser xestionada integramente polo Sergas co inicio do ano 2026
Pontevedra, 23 de outubro de 2025. A Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) de Pontevedra pasará a ser xestionada integramente polo Sergas a partir do 1 de xaneiro do vindeiro ano. Complétarase así un proceso de integración no que se viña traballando desde hai tempo, e que o Concello de Pontevedra demandara insistentemente ao longo dos anos.
“É unha noticia importante, unha noticia que me alegra”, sinalou Lores. “Falamos dunha unidade que atendía a 12 municipios que sumaban máis de 150.000 persoas. Levamos moitísimos anos esixindo que a Xunta sexa quen se faga cargo dunha atención sanitaria, e polo tanto ao Sergas, atender e tratar esas condutas”.
O rexedor lembrou que un servizo sanitario público debe ser ofrecido coa mellor calidade posíbel, polo que debe ser o persoal especializado do Sergas quen se faga cargo do mesmo. “Ademais, o Concello estaba atendendo a persoas doutros municipios, de Marín, de Vilaboa, de Soutomaior ou de Barro, por exemplo. Non é algo que tivese moito sentido. Por fin, o Sergas se fará cargo”.
Lores indicou que o Concello de Pontevedra xa dera pasos nese proceso de integracion, como por exemplo chegando ao acordo de que as xubilacións que se realizasen dentro da UAD fosen asumidas pola Xunta de Galiza á hora de substituilas, como é o caso de psiquiatras.
Na actualidade continúan as negociacións para a integración de dúas persoas do cadro persoal do Concello que traballan nesta unidade; a saber, un auxiliar clínico e un informático. A UAD ten un custo anual que supera os 500.000 euros, dos cales, para o ano 2025, a Xunta achegou 395.066,56 euros; sendo o Concello a administración que achegaba o resto (sen incluír gastos como limpeza, conservación ou luz).
Ademais, Lores indicou que este asunto preséntase como “outra desautorización máis do señor Domínguez por parte da Xunta de Galiza, que saíra no seu día sinalando que a ver como pedíamos que esta unidade pasase a formar parte do Sergas”.
Cómpre sinalar que o alcalde quixo destacar a colaboración máxima do Concello ao longo deste proceso e nas necesidades do futuro, como a posíbel disposición do local actual (que é de titularidade municipal). Sexa como for, o convenio definitivo coa Xunta de Galiza será levado a Pleno para a súa aprobación.