O BNG alerta que o CEIP San Clemente segue coas obras paralizadas e sen luz nin calefacción nas aulas
Caldas, 23 de outubro de 2025. A situación do CEIP San Clemente está a ser insostible. Así o vén de denunciar o tenente de alcalde Manuel Fariña, ao comprobar no día de hoxe que o centro de ensino segue coas obras de reforma paralizadas, con todo o material polo medio dos espazos comúns e sen luz nin calefacción nas aulas. O nacionalista subliña que, a pesares do anuncio da Xunta de que os traballos se ían retomar con celeridade tras o plantón da empresa adxudicataria orixinal, a actividade escolar da rapazada está totalmente comprometida e a dirección do centro non ten noticias nin da Consellería de Educación nin tampouco da firma que na teoría se fixo cargo de seguir coa reforma de maneira urxente.
Fariña lembra que o pasado día 10 de outubro o Concello xa dera a voz de alarma e manifestara a súa preocupación pola situación inaceptable que vivía o colexio, xa que a empresa adxudicataria da reforma entrara en concurso de acredores e deixara as obras dun día para outro. Pedíase entón que a Xunta actuase con celeridade para solucionar a situación e evitar que os problemas pasasen a maiores, xa que había espazos e aulas sen luz e incluso estaban cortadas as canalizacións da calefacción.
A resposta da Consellería de Educación foi rápida e, en principio, satisfactoria, xa que comunicou á dirección do CEIP que outra empresa se faría cargo de solucionar os problemas máis inmediatos para continuar coas aulas en normalidade e, a medio prazo, rematar todas as actuacións inicialmente previstas.
Porén, o anuncio do delegado territorial de Educación non supuxo ningún tipo de cambio. Dende o día do compromiso o colexio non sabe nada nin da empresa que supostamente se tiña que facer cargo de arranxar os servizos que non funcionaban nin tampouco sabe nada da Consellería de Educación, nin a través da unidade técnica nin do xefe territorial. Fariña denuncia que, ademais, ninguén atende as chamadas da dirección do centro na busca dunha explicación.
A día de hoxe, así, segue a haber problemas nos baños, hai aulas sen luz e tampouco hai calefacción, algo que vai comezar a ser grave en breve, coa previsión da baixada das temperaturas. “A situación agrávase a cada momento”, advirte Fariña, que no día de onte tamén se intentou poñer en contacto co xefe territorial Pérez Ares sen éxito.
O único movemento ao respecto realizado por parte da Xunta, denunciou o nacionalista, foi intentar silenciar a inacción do goberno galego: dende a delegación territorial chamaron ao San Clemente para prohibir expresamente calquera tipo de rolda de prensa ou comparecencia nas instalacións para denunciar os problemas existentes, alegando que non se debía interromper a xornada lectiva nin difundir imaxes da rapazada. Lembra Fariña que tanto o conselleiro como o responsable territorial convocaron aos medios alí en repetidas ocasións para facer “anuncios propagandísticos”.
“O que precisa o colexio son solucións, non anuncios para lavar a imaxe, nin manobras para calar as denuncias da dirección. Non se poden dar aulas con normalidade, os baños non están operativos, non hai luz... A Xunta fixo no seu día un anuncio rápido de que as obras se ían retomar pola vía de urxencia. Pero vemos que foi só para intentar apagar o incendio, porque a día de hoxe o CEIP parece unha trincheira e polo único que se preocupa a Consellería é porque o centro non saia publicamente a denuncialo. É máis que lamentable”, sinala Fariña.
Lembra o edil nacionalista que o colexio caldense está a sufrir as malas decisións da Consellería e a súa falta de eficiencia dende o curso pasado co recorte nas unidades de Infantil e no profesorado. Subliña que a Xunta anunciou obras para intentar “calmar as augas, pero agora esas reformas tan necesarias en lugar de supoñer unha mellora están a ser un calvario ao estar paralizadas”. Destaca Fariña que o goberno galego, por responsabilidade atendendo as súas competencias, ten que poñer sobre a mesa solucións urxentes e dar a cara ante a comunidade escolar.