CONCENTRACIÓN VENRES 15 ÁS 20 H. NO CENTRO DE SAÚDE DE ARCADE

Soutomaior volverá esixir máis persoal de Atención Primaria e Pediatría no centro de saúde de Arcade

Soutomaior volverá esixir máis persoal de Atención Primaria e Pediatría no centro de saúde de Arcade

A veciñanza de Soutomaior concentrarase o vindeiro 15 de decembro ás 20:00 horas para esixir á Xunta que dote de máis persoal sanitario o centro de saúde de Arcade, con especial énfase no servizo de Pediatría. A concentración, convocada polo BNG, e que terá lugar ás portas do centro sanitario, chega precisamente despois de que se cumpra un ano sen pediatra en Soutomaior. Nestes meses, a Xunta decidiu non buscar ningunha solución definitiva, tal e como requirían a veciñanza e o BNG de Soutomaior, e optou por parches que en absoluto responden á situación que vive o noso concello.

O centro de saúde de Arcade conta agora mesmo unicamente con tres médicos, o que provoca que os tempos medios de agarda para unha cita médica sexan de 10-11 días ou que non se atendan as urxencias pediátricas. Isto obriga aos pais e nais a levar aos cativos a Pontevedra para ser atendidos. Unha situación que nesta época do ano vaise agravar, xa que tanto os nenos e nenas como os nosos maiores son dous dos grupos máis vulnerables ás enfermidades víricas durante o inverno, polo que o BNG pide que se adopten xa solucións definitivas á falta de médicos de Atención Primaria e de Pediatría en Soutomaior.

O responsable local do BNG, José Costas, lembrou que o Bloque presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta en 2024 para que se dote de máis persoal sanitario o centro de saúde de Arcade, e sinalou que “a veciñanza sairá novamente ás rúas para reclamar os seus dereitos despois de que a Xunta obviase as numerosas queixas dos veciños e veciñas e as peticións do BNG para buscar unha solución a esta situación”. “A Xunta non pode seguir aplicando os seus recortes na sanidade, sobre todo cando estes van contra dous dos colectivos máis vulnerables do noso concello, os nosos pequenos e os nosos maiores”.

“A veciñanza de Soutomaior vaise concentrar diante do centro de saúde de Soutomaior para esixir que se respecten os seus dereitos sanitarios. Necesitamos solucións xa, tanto para a Atención Primaria como para o Servizo de Pediatría. Non imos parar ata que os nosos veciños e veciñas conten cunha sanidade pública digna e de calidade”, concluíu o responsable local do BNG, José Costas.

Soutomaior volverá esixir máis persoal de Atención Primaria e Pediatría no centro de saúde de Arcade