PERTO DE 1000 PERSOAS DESFRUTARON DA SÚA Iª EDICIÓN
Soutomaior vive unha primeira "Gladiator Kids" espectacular e cun éxito de participación
A primeira edición da ‘Gladiator Kids’ en Soutomaior foi espectacular, tanto para os nenos e nenas participantes como para todo o público asistente. Case un milleiro de persoas reuníronse no Peirao para desfrutar da proba deportiva, que comezou pasadas ás 16:30. Os case 250 nenos e nenas inscritas, acompañadas dunha persoa adulta, saíron en tandas cada 5 minutos, co obxectivo de percorrer no menor tempo posible o percorrido da carreira de obstáculos. Soutomaior súmase así a outros concellos punteiros no Estado español nos que tamén se levará a cabo esta proba, como son Ribadeo, Pontevedra ou Logroño.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, subliñou o éxito da I Gladiator Kids de Soutomaior. O alcalde sinalou que “é un orgullo para Soutomaior que un evento tan importante como a ‘Gladiator Kids’ teña lugar aquí no noso concello”. “Os pequenos e as pequenas pasárono xenial e desfrutaron dunha tarde incrible, nun espazo único como é o Peirao de Arcade e vivindo unha experiencia inesquecible ao tempo que fixeron deporte. Fomentar o exercicio físico entre as crianzas con actividades saudables é un dos nosos obxectivos”.
Ademais, o alcalde subliñou que Soutomaior se converte cada vez máis nunha referencia social, cultural e deportiva entre os concellos do resto da comarca. “Somos un polo de atracción para a poboación doutros concellos, grazas á nosa completa axenda cultural, deportiva e social. Calquera persoa da comarca consulta a axenda de Soutomaior á hora de organizar os seus plans, é algo que corroboran os nosos datos e que se ve reflectido na economía local de Soutomaior e que permite ao Concello contar con máis recursos para mellorar a vida da nosa veciñanza”, concluíu o alcalde, Manu Lourenzo.