Soutomaior solicita da Xunta a transferencia da avenida Xosé Solla e da PO-224
O pleno da corporación de Soutomaior aprobou demandar da Xunta de Galiza a transferencia das estradas autonómicas PO- 244 e PO- 264.
A PO- 264, a estrada que pasa polo núcleo urbano de Arcade, pola Avenida Xosé Solla, é unha estrada autonómica que, tal e como dixo o alcalde, “atópase nun estado inasumible, o nivel de deterioro non se pode aguantar máis, trátase dunha estrada que non se arranxa dende hai lustros, cun firme lamentable e onde a Xunta non realiza ningún tipo de investimento”. Manu Lourenzo adiantou que mantiveron unha reunión coa que foi conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, onde se lles dixo que “esta estrada non era unha prioridade para a Xunta e na que non se van a realizar investimentos”. O alcalde quixo facer fincapé que o que se pide dende o concello é a transferencia urbanizada, “pedimos un trato igualitario, estas transferencias que nós solicitamos estanse levando a cabo en concellos da contorna onde Goberna o PP”.
En relación a PO- 244 dende o Goberno Local tampouco entende o estado desta estrada, sobre todo, o acceso á Ponte Colgante. Trátase dunha estrada que tal e como dixo Lourenzo “está abandonada por parte da Xunta, unha estrada que é o punto de acceso a un dos lugares máis visitados do concello como é a Ponte Colgante”.
Manu Lourenzo: "Ante a desidia e desinterese da Xunta polo mantemento desas estradas, pedimos que se transfiran os dous viais urbanizados, tal e como se está a facer en outros concellos da contorna"
Con todo, o alcalde Manu Lourenzo dixo que seguirán solicitando, dende o Goberno Local, que se leven a cabo as transferencia de ambas estradas autonómicas, unhas transferencias urbanizadas e a partir da cal se faría cargo o concello dos seus mantementos. O PP de Soutomaior abstívose en pleno ante estas dúas iniciativas, ante o cal o alcalde dixo que “o PP de Soutomaior prefire que estas estradas sigan en mal estado, estamos, unha vez máis, ante unha oposición que está en contra de Soutomaior, mesmo en cuestións lexítimas e necesarias”.