Nove empresas optan a facer o parque da Parda, o novo gran pulmón verde da cidade
Pontevedra, 6 de xuño de 2024. O Concello de Pontevedra vén de pechar o prazo de presentación de ofertas para a creación do novo parque urbano no barrio da Parda, un auténtico pulmón verde para a cidade que sae a licitación cun importe de 5.533.406,02 euros. Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade, informou esta mañá que a Xunta de Goberno foi coñecedora que que nove empresas optan a executar unha das obras de maior contía que ten xestionado o Concello.
Anabel Gulías explicou que se trata dunha “gran mellora para o barrio de maior crecemento da cidade, pero tamén un novo espazo de lecer, encontro e esparexemento para todos os pontevedreses e pontevedresas, xa que disporá dunha gran zona verde, áreas infantís, miradoiros e até 200 prazas de estacionamento entre outras instalacións”. Ademais, é o “primeiro gran paso para a construción do novo pavillón municipal”, resumía a concelleira que tamén ten a competencia de Deportes.
Unha das grandes sorpresas desta licitación é o gran número de ofertas que se presentaron, un total de nove. “Quedámonos gratamente sorprendidos”, indicaba Anabel Gulías xa que ultimamente a obra pública non tiña tanto eco entre as empresas, tal vez pola difícil situación económica que atravesou o sector meses atrás.
O Concello traballa coa idea de cumprir os prazos fixados polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de poder iniciar as obras a finais de 2024.