Grande éxito de convocatoria dos campamentos de mocidade ofertados polo concello de Soutomaior
O pasado sábado ás 00:01 h. abríronse as prazas para os campamentos de verán para a mocidade de 12 a 17 anos que oferta o concello de Soutomaior. Un campamentos, o San Simón Camp e o de Surf, que contaron con gran éxito de convocatoria.
Deste xeito ás 1:30 h. do sábado xa quedaron esgotadas as prazas para o San Simón Camp, encontro da mocidade de inmersión lingüística en inglés na Illa de San Simón, que terá do 15 ao 18 de xullo. Un campamento que conta cunha lista de agarda de 44 persoas.
Ás 8:30 h. do sábado tamén quedaron esgotadas as prazas do Campamento de Surf que terá lugar do 27 ao 31 de xullo na praia de Razo, en Carballo. E que conta cunha lista de agarda de 28 persoas.
Trátase de dúas convocatorias que mantiveron o mesmo número de prazas ofertadas que en anos anteriores, pero que debido ao éxito da convocatoria nesta edición, o Goberno Local xa está traballando no incremento de número de prazas de cara a vindeiras convocatorias.
Manu Lourenzo agradeceu nesta xornada o inxente traballo realizado pola concelleira de Mocidade, Rosana Martínez Boullosa e pola técnica desta área, Sonia Pintos “este éxito da resposta da mocidade ante esta oferta de campamentos significa que conseguimos atraer e achegarnos aos gustos e demandas da mocidade do noso concello, con este resultado traballaremos para que en vindeiras edicións destes campamentos poidamos ampliar o número de prazas ofertadas e chegar a máis mozas e mozos do concello”.
A concelleira de Mocidade lembrou que as prazas cubríronse por orde de inscrición tendo sempre preferencia as persoas empadroadas no concello de Soutomaior. Ademais, Rosana Martínez Boullosa, tamén fixo fincapé en que unha vez confirmadas as e os asistentes vaise a realizar unha reunión coas familias e participantes e co monitorado para explicarlles todas as actividades e detalles destes campamentos de verán para a mocidade.