Dakidarría, Festicultores Troupe e Orquestra Claxxon encherán de sons o San Xoán de Soutomaior
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, presentou este martes a programación do concello para o San Xoán deste ano. Un San Xoán que durará dous días (sábado 22 e domingo 23 de xuño) e que terá como principal protagonista a música, a cargo de Dakidarría, Festicultores Troupe e a Orquestra Claxxon, que encherán de sons o Peirao de Arcade, onde se desenvolverán a totalidade das actividades.
Así, o sábado 22 ás 18:30 habilitaranse inchables para que as crianzas poidan xogar. A partir das 20:30 será a quenda dos Festicultores Troupe, que contaxiarán do seu bo humor a toda a veciñanza que se atope polas rúas do Peirao. Finalmente, o grupo Dakidarría porá o peche á noite do 22 de xuño, cun concerto que comezará ás 23:00 horas.
Xa o día 23, a programación comezará ás 20:00 cun obradoiro interactivo sobre as herbas de San Xoán. Ás 21:00 horas Hípica Celta desenvolverá un espectáculo infantil e familiar, “Gran espectáculo de maxia celta”, e a partir das 22:30 terá lugar o espectáculo “A queima da fachada”, tamén por Hípica Celta. Ás 00:00 procederase ao acendido das fogueiras (unha para adultos e outra para público infantil), e ás 00:30 a Orquestra Claxxon porá o broche de ouro a un San Xoán en Soutomaior espectacular. Ademais, o día 23 de xuño a partir das 21:00 horas haberá sardiñada e churrascada a prezos populares.
Un San Xoán concienciado e inclusivo
Por outra parte, o San Xoán de Soutomaior contará tanto o día 22 como o día 23 co punto informativo “A que xogas?”, co que se pretende concienciar á mocidade sobre os efectos negativos do consumo de alcol e drogas. Ademais, ao abeiro do programa ‘Soutomaior Inclusivo’, levaranse a cabo diferentes medidas para garantir que toda a veciñanza desfrute por igual: haberá cascos anti-ruído, unha plataforma para que as persoas con mobilidade reducida poidan desfrutar dos concertos e, como gran novidade, as fogueiras estarán adaptadas para que as persoas con mobilidade reducida e con diversidade funcional tamén poidan facer o tradicional salto de San Xoán.