Soutomaior solicita da Xunta que abra a pasarela da Montesiña canto antes
Soutomaior, 31 de xullo de 2024. O Goberno de Soutomaior vén de solicitar á Xunta de Galicia que abra canto antes a nova pasarela da Montesiña despois de que as obras de instalación rematasen hai semanas e a infraestrutura siga precintada. Trátase dun paso peonil entre as parroquias de Arcade e Soutomaior que leva anos pechado polo deterioro da anterior pasarela.
Tras as obras de instalación da nova pasarela, que remataron en xuño deste ano, o mantemento do peche provoca que a veciñanza non poida facer uso dela e teña que expoñerse á perigosidade do tráfico na PO-244. Desde o Goberno de Soutomaior inciden en que a pasarela se atopa ao carón dun centro escolar e de instalacións deportivas municipais ás que cada día acceden centos de nenos, nenas e persoas adultas que, ante a imposibilidade de facer uso do paso, corren riscos pola inseguridade viaria.
Antes e durante o curso escolar 23/24, o Goberno de Soutomaior xa enviara senllos requerimentos á Xunta en agosto e decembro de 2024 para que rematase canto antes coas obras e abrise a pasarela para poñela á disposición da veciñanza. O obxectivo principal do Goberno de Soutomaior con estes requerimentos, así como co enviado hoxe, é garantir a seguridade dos centos de persoas que día a día percorren este treito.
Neste sentido, lembran que nestas semanas estanse a desenvolver diversas actividades e torneos deportivos propios do verán tanto nas instalacións deportivas como no centro escolar, e que do 2 ao 7 de agosto Soutomaior acollerá a súa I Semana Grande, polo que ante a previsión dunha afluencia masiva de vehículos e viandantes, e máis necesario ca nunca que se abra xa a pasarela.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “a máxima preocupación que temos no Goberno local é a de garantir a seguridade viaria de toda a veciñanza que, ben a pé ou ben en coche, pasa cada día por este punto. Levamos moitos anos coa pasarela pechada e sen que os veciños e veciñas poidan facer uso dela, polo que lle solicitamos á Xunta a máxima colaboración para que a nova pasarela abra canto antes”, concluíu.