Manuel Fariña invita a encher de alegría as rúas de Caldas durante a Semana Grande das Festas
Caldas, 31 de xullo de 2024. O Concello de Caldas de Reis vén de fichar ás mellores orquestras de Galiza para as súas festas de verán. Na vila termal, segundo avanza o Tenente de Alcalde Manuel Fariña, estarán presentes a Panorama, Combo Dominicano, América de Vigo, Compostela, Travesía, Solara e Los Alkar poñendo o broche diario a cada xornada. “Sabemos que as veciñas e veciños de Caldas gustan de boas verbenas e por iso facemos o esforzo para as festas de verán, porque ademais atraerán a moita outra xente que virá a coñecer a nosa vila. Coa programación que temos Caldas vai ser un bulideiro de actividade entre o 13 e o 16 de agosto”, sentenza o nacionalista.
A celebración das festas comezará o 13 ás 11 horas coas bombas de palenque que marcarán o inicio da semana grande, para despois (11:30h) dar paso ás dianas e alboradas coa charanga ‘Noroeste’, e aos xigantes e cabezudos ‘As Espiñas’ (12h) que pasearán polas principais rúas da vila. Xa pola tarde ás 19 horas a Charanga Noroeste volverá facer un percorrido e deixará paso a Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre (21h) no escenario acuático do río para finalizar a xornada coa verbena das orquestras América de Vigo e Compostela (23h).
O día 14 haberá as tradicionais bombas de palenque, a charanga encargada de dar o ambiente festivo polas rúas será ‘Alambique’ tanto pola mañá como pola tarde e deixará paso tamén a xigantes e cabezudos. O concerto no escenario acuático será o de Sés e as orquestras serán Panorama e Travesía, co que se agarda unha grande afluencia de xente no recinto da festa.
O día 15 e o 16 boa parte do protagonismo será para a Banda de Caldas. O 15 pola mañá actuará o Grupo de Gaitas “A Maquía” de Godos (11:30h) no canto das charangas facendo pasarrúas e pola noite será a Banda de Música Municipal de Caldas a que actuará no escenario acuático (21h) xunto a Serafín Zubiri para interpretar o espectáculo ‘Recordando a Nino Bravo’, no que será a súa primeira grande posta en escena despois de acadar o Primeiro Premio do Certame de Bandas ‘Ciutat de València’. Nesta xornada as orquestras que porán o broche final na verbena serán Solara e Los Alkar.
Xa finalmente, o día 16 a Banda de Caldas fará pasarrúas e tamén dará un concerto as 13.30 horas. Pola tarde terá lugar un concerto da Coral (19h); despois, ás 20 horas tomarán o relevo as pandereteiras das Burgas e ás 22:45 tomará o relevo a Gramola, considerada como a mellor discoteca móbil de Galiza; ás doce da noite terá lugar o Gran Combate Naval no escenario do río para marcar o fin das festas, e xa á unha damadrugada o Combo Dominicano porá o broche de ouro xunto á Gramola, discoteca móbil.
O Tenente de Alcalde Manuel Fariña anima a toda a veciñanza -e tamén á xente de fóra de Caldas- a gozar das festas e da súa programación. “Queremos que a vida e a ledicia da xente nestas festas se note na rúa”, apunta o nacionalista, sinalando que se xa nas Festas da Primavera participaron máis de 30.000 persoas, Caldas vai “botar por fóra”. Así mesmo, Fariña tamén salientou que o río volverá este ano a ser centro das celebracións ao recuperar o escenario acuático do Umia, por ser un elemento simbólico da vila termal moi demandado pola veciñanza.