Soutomaior renovará as caldeiras dos campos de fútbol Gradiano Padín e Salgueirón
A xestión do Goberno Local de Soutomaior permitiu acadar unha subvención de 55 mil euros para levar a cabo a substitución das caldeiras de gasoil por un sistema de aerotermia máis eficiente enerxéticamente nos campos de fútbol Graciano Padín do C.D. Soutomaior e de Salgueirón do C.D. Arcade, o que traerá consigo un importante aforro económicoe unha mellora medioambiental.
Este investimento nos campos de fútbol únense aos 60 mil euros que o concello destinará á mellora do acceso e do propio campo do campo de fútbol do Soutomaior, o Graciano Padín.
A Directiva 2012/27/UE establece que a eficiencia enerxética dos edificios supón o 40% de consumo final da enerxía da Unión Europea. Polo tanto, é moi importante reducir a demanda da enerxía e utilizar fontes de enerxía renovables no sector da construción para diminuir a dependencia enerxética do estado.
Unha instalación de ACS utiliza un sistema de Aerotermia, conformado por unha bomba de calor que pode absorver a enerxía térmica contida no aire. A Aerotermia considérase así unha tecnoloxía limpa porque aproveita a enerxía contida no aire que nos rode, enerxía que se pode empregar para a produción ACS. Isto débese ao feito de que a enerxía contida no aire en forma de temperatura está sempre dispoñible e é practicamente inesgotable. Pódese rexenerar naturalmente por medio da enerxía solar.