Mosquera advirte de que o vicepresidente e a vicepresidenta da Deputación “queren exercer de alcalde e alcaldesa” de Pontevedra e Vigo a conta dos fondos da Deputación
O grupo provincial do BNG, a través do seu voceiro César Mosquera, vén de criticar que a vicepresidenta da Deputación de Vigo Luisa Sánchez e o vicepresidente pontevedrés Rafael Domínguez queren “exercer de alcaldesas e alcaldes a conta dos fondos da Deputación” sen ter en conta os criterios dos respectivos concellos ao destinar recursos en temas “non queridos”, “á contra” ou de forma “paralela” aos elixidos polos gobernos locais.
O nacionalista fixo esta afirmación durante o Pleno da Deputación ao referirse á modificación de crédito aprobada polo PP, na que se incluíron 4,6 millóns de euros das arcas provinciais para a compra do Teatro Cine Fraga en Vigo, entre outras actuacións.
Mosquera subliñou que hai preocupación entre os concellos pequenos e medianos porque a Deputación está a meter moitos cartos en Pontevedra e en Vigo. Destacou que estes investimentos non se están a facer a través dos concellos de maneira negociada como acontecía durante os últimos mandatos -respectando a autonomía local-, senón que destacou que “dá a sensación de que a vicepresidenta e o vicepresidente queren exercer en certo modo de alcaldesas e alcaldes a conta da Deputación” ao actuar de maneira independente.
O nacionalista lembrou que a dinámica de destinar recursos a obxectivos non consensuados cos gobernos locais por parte da Deputación xa se viviu no seu momento en Pontevedra co estadio de fútbol de Pasarón e o Sexto Edificio do Museo (o actual Edificio Castelao). Lembrou que inicialmente ambos ían custar 9 millóns de euros “deixando ao Concello fóra porque así parece que ían lucir máis e resulta que ao final a operación foise a máis de 30 millóns e tiveron que rematar pedindo papas e pedindo ao Concello a súa colaboración”.
Mosquera indicou que o presidente Louzán aprendeu a lección e non volveu a meterse “neste tipo de actuacións”. Subliñou que o feito de que agora a Deputación se involucre na compra do Cine Fraga en Vigo, ademais, é volver levar á institución provincial “as guerras e disputas de Vigo, outro erro que van ter que resolver dalgunha maneira”.
Para “completar o panorama”, criticou Mosquera, non foi a Deputación a que anunciou a compra do cine, senón que “é o señor Rueda” e a Xunta de Galiza. Cuestionou que o montante total da operación “non se sabe a canto vai ir”, porque serán 4,6 millóns de euros agora, máis a rehabilitación e “telo aberto e funcionando, que probablemente pase dun millón ao ano”, dixo.
“Esta Deputación está a comprometer moitos millóns de euros para algo que, repito, nin o propio Concello o quere na forma na que está deseñado”, fixo fincapé. “Esas actuacións foron fonte de problemas no pasado e serano no futuro. Facer actuacións en paralelo ou contra o criterio do Concello é algo que non dá bos resultados. Non o deu nunca e dubido que o dea neste caso”, finalizou.