Retómanse as obras para o saneamento de Verducido
O Concello de Pontevedra retoma as obras para completar a rede de saneamento na parroquia de Verducido, que quedaran paralizadas logo da negativa dun particular ao deixar pasar a rede de saneamento por un terreo da súa propiedade. Solucionada esta problemática, o plan seguirá o seu curso.
“A empresa encargada da obra non puido comezar antes a obra por mor das condicións do terreo, xa que é unha zona con moita auga que impedía o paso das máquinas para rematar a primeira fase do saneamento na parroquia”, explica a concelleira do rural María xosé Abilleira. “Por fin, e despois de lograr ese permiso para que as máquinas poidan pasar por terreos particulares, a veciñanza contará cun servizo necesario. Quero transmitirlle o meu agradecemento a eses veciños e veciñas que permiten o paso das tubaxes polas súas leiras”.
Abilleira tamén fai fincapé e indica a importancia de que a veciñanza solicite a conexión coa rede de saneamento, que o faga “o antes posíbel”, pois unha vez realizados os asfaltados terían que acometer eles a reposición das pistas que sexan abertas ou danadas.
O saneamento de Verducido é, xunto ao de Santo André de Xeve, o último en rematar. Está proxectado en dúas fases e valorado en máis de 4,7 millóns de euros. Esta primeira fase está case rematada e pendente de conectar (investimento: 2.428.982,77 €) e a segunda (investimento: 2.359.146,64 €) poderá iniciarase agora que foi recibida a autorización do particular. Este permiso era necesario para poder conectar a primeira fase e a segunda, e darlle saída a todo o saneamento.