En Soutomaior seguen a cobrarse taxas e impostos a pesar da promesa do alcalde de que se aprazaría o pago
A pesar de que a situación do coronavirus está a causar estragos no comercio local e na hostalaría do Concello de Soutomaior, e de que o goberno local anunciou o pasado 23 de marzo o aprazamento de das taxas municipais, Soutomaior continúa co cobro de taxas e impostos municipais.
Tal e como denunciaron varios hostaleiros e representantes do comercio local “Sentímonos enganados. O Concello anunciou o día 23 de marzo que aprazaban o pago das taxas durante a crise do coronavirus e agora resulta que estamos coa porta pechada e sen ingresos pero os recibos seguen chegando “ denunciaron.
Pero a situación vai moito máis alá, porque, a pesar do anuncio feito, Agustín Reguera asinou o 8 de abril unha resolución para cobrar estes recibos e mesmo aplicar intereses aos veciños que non pagasen en prazo.
Varios representantes do comercio local, puxéronse en contacto co portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo e sinalaron que “cremos que a veciñanza non merecemos esta actitude de dicir unha cousa e facer a contraria. Xa non é que non apliquen nin unha soa medida de axuda ao comercio local senón que fan anuncios que despois nin sequera cumpren”.
Manu Lourenzo indicou “A veciñanza non entende isto, como tampouco entende que os representantes da metade do concello non foran convocados nin unha soa vez á comisión de seguimento do COVID. Levamos máis dun mes dende o anuncio do goberno de que se ían elaborar unhas táboas de axudas aos afectados pola paralización de actividade e tampouco sabemos nada diso. Cremos que nunha situación tan grave coma esta non podemos permitirnos esta parálise” destacou Manu Lourenzo.
Cremos que son tempos de sumar e de chegar a acordos entre todas e todos polo ben da veciñanza, dende logo a nosa actitude neste tempo foi de lealdade e de colaboración para facer propostas e sumar; pero precisamos un goberno que tome medidas e por iso pedimos ao goberno do PP que rectifique e que estea a altura das circuntancias.
Manu Lourenzo incidiu en que nestes momentos é importante estar xuntos e ao lado dos veciños. Pero o goberno local debe actuar. A unidade debe estar por riba de todo. Temos moitísimo por facer, máis alá de colocar unha carpa ou o traballo de protección civil.
O portavoz municipal do BNG destacou que “O que se nos ben por diante vai esixir que todos, máis alá das nosa ideoloxía deamos o mellor de nós mesmos. Iso é o que a veciñanza demanda de nós, e nós dende logo imos poñer todo da nosa banda para que así sexa e estas situacións como as que denuncia o comercio local non se volvan a dar.