A REDE ACTUAL, DE MÁIS DE 25 ANOS, ESTÁ OBSOLETA

Soutomaior renovará a rede de abastecemento de auga na rúa Cochón

Soutomaior renovará a rede de abastecemento de auga na rúa Cochón

Soutomaior, 19 de xullo de 2024. Antes de que remate o ano está lista a renovación integral da rede de abastecemento de auga potábel á rúa Cochón, xa que a actual, de máis de 25 anos, está completamente obsoleta.

O concelleiro de Obras, Pablo Garrido, dixo que “levar a cabo estas obras é unha prioridade para o actual Goberno xa que as veciñas e veciños desta rúa de Arcade levan sufrindo máis de 45 fugas nos últimos 10 anos, unha situación que non se pode soster nin permitir”. 

Estes traballos contarán cun investimento de máis de 44 mil euros e levarase a cabo grazas á boa xestión do Goberno actual. Unha obra que sairá a licitación nas vindeiras semanas e que estará finalizada antes de que remate este ano. 

O actual proxecto ten como obxectivo a renovación da rede de abastecemento de auga na marxe dereita da Rúa Cochón onde se retirarán 150 metros das canalizacións actuais e se instalará unha nova rede, que se conectará coa rede de abastecemento das rúas Xosé Solla e Calvario.  

Ademais está prevista a renovación da beirarrúa en dúas da acometidas. Adicionalmente instalarase como mellora do sistema de abastecemento na Rúa Cochón unha ventosa que evitará bolsas de aire que xeran sobrepresións nas tubaxes e así deste xeito reducirase o caudal, así como posibles avarías.   

Pablo Garrido lembrou hoxe que “o actual Goberno municipal seguirá traballando na mellora da calidade de vida das e dos veciños do concello de Soutomaior, facendo todo o que estea nas nosas mans”.

Soutomaior renovará a rede de abastecemento de auga na rúa Cochón