O BNG CELEBRA EN POIO O PRIMEIRO DOS ACTOS DO DÍA DA PATRIA NA COMARCA

Non renunciamos á Patria Galega

Non renunciamos á Patria Galega

Poio, 19 de xullo de 2024. Este xoves 18 de Xullo preto dun cento de persoas participaron en Poio do acto político co gallo do día da Patria Galega organizado polo BNG. Marga Caldas, portavoz municipal no concello de Poio, foi a encargada de dar a benvida aos asistentes, destacando a importancia deste día para todos os galegos e galegas comprometidos coa defensa dos dereitos e a identidade do noso país.

A primeira intervención correu a cargo de Irea Ferreiro, integrante da organización xuvenil Galiza Nova, quen subliñou a necesidade do nacionalismo nun momento tan crítico como o actual, facendo fincapé na situación da mocidade galega. "A mocidade precisa referentes e un futuro no que poder vivir e traballar con dignidade na súa propia terra," afirmou Ferreiro, quen denunciou a falta de oportunidades e o éxodo xuvenil. Tamén fixo referencia á traxectoria do nacionalismo e a todas as loitas que encabezou. “A celebración do Día da Patria tamén é un exemplo de loita deste pobo, pois mesmo xa despois da ditadura franquista, seguíasenos negando o dereito a manifestar a nosa identidade como galegos e galegas, a nosa vontade de ser un pobo en pé de igualdade cos demais do mundo”, subliñou.

A continuación, Guillerme Vázquez, ex portavoz nacional e mebro do Consello Nacional do BNG, realizou unha defensa do dereito de autodeterminación para Galiza, afirmando con contundencia que "Galiza é unha nación". Vázquez exemplificou a discriminación que sofre o noso país mencionando o rescate das autoestradas AP-7 e as radiais madrileñas, mentres que os galegos seguimos a pagar un prezo excesivo por circular pola AP-9. Tamén fixo referencia á invasión eólica que está a padecer o noso territorio, denunciando que os beneficios non reverten na nosa poboación, afondando así na nosa relación colonial con España. Por todos estes motivos, Vázquez afirmou que "o nacionalismo é máis necesario que nunca" e proclamou con firmeza que "non renunciamos á patria galega", pois é a única vía para acabar coa discriminación que sufrimos por ser galegos e galegas dentro deste estado.

O acto rematou co canto do himno nacional e coa actuación musical a cargo da Agrupación Cultural Penaguda.

GALIZA NOVA

Previamente a este acto, Galiza Nova colocou unha mesa informativa na rúa Benito Corbal de Pontevedra para denunciar a explotación laboral da mocidade, que contou coa intervención da nosa compañeira Cecilia Tarela da CIG. A este acto seguirá un coloquio sobre "a resistencia do pobo palestino" seguido dun serán solidario, o domingo 21 ás 20 h. no Campiño de Santa María, e o luns 22 ás 18.30 h. terán unha xornada de traballo no local do BNG

FESTA NACIONALISTA EN SOUTOMAIOR

Hoxe venres ás 21.30 h. na Casa do Pobo de Moreira terá lugar a tradicional Festa nacionalista que organiza o BNG en Soutomaior, na que intervirá o alcalde, Manu Lourenzo, e os regueifeiros Luís o Caruncho e Benito Lobariñas

HOMENAXE A ROSALÍA E CASTELAO

O vindeiro mércores 24 de xullo ás 17:00 no Parque de Bonaval, Galiza Nova organiza a súa tradicional homenaxe a Rosalía e Castelao, que contará coas intervencións de Alba Quiroga (militante da comarca de Pontevedra-Caldas), Marta Gómez (Secretaria Xeral de Galiza Nova) e Ana Pontón (Voceira Nacional do BNG), nun acto amenizado pola actuación musical do grupo Pataghulhos

Non renunciamos á Patria Galega