A Deputación deberá aboar 350.000 euros ao concello de Soutomaior
A Deputación de Pontevedra deberá aboar ao Concello de Soutomaior 350.000 euros correspondentes aos fondos REACPON do ano 2021, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desbotase o recurso que o Goberno do PP da Deputación de Pontevedra presentou o 28 de febreiro deste ano para evitar ter que pagar esa cantidade a Soutomaior.
Os fondos REACPON foron un programa lanzado polo anterior goberno da Deputación de Pontevedra co obxectivo de dotar aos concellos con subvencións para levar a cabo diversas obras e actuacións. Dos 55 concellos que se presentaron en 2021 aos fondos REACPON, o anterior goberno da Deputación de Pontevedra denegou a solicitude de oito concellos de todas as cores políticas, entre eles o de Soutomaior. O actual Goberno do PP na Deputación de Pontevedra decidiu manter o mesmo criterio para non ter que aboar os 350.000 euros ao Concello de Soutomaior.
Neste sentido, e despois de que un tribunal de Pontevedra sentenciase o 5 de febreiro deste ano que a institución provincial tiña que devolver eses fondos a Soutomaior, o Goberno do PP da Deputación de Pontevedra presentou a finais de febreiro un recurso ante o TSXG para intentar evitar o abono dos 350.000 euros. Os servizos xurídicos do Concello de Soutomaior elaboraron entón un escrito contrario ao recurso da institución provincial. O pasado 28 de xuño, os maxistrados do TSXG deron a razón aos servizos xurídicos municipais e desbotaron o recurso do Goberno do PP na Deputación de Pontevedra.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “tanto o anterior goberno da Deputación de Pontevedra como o actual Goberno do PP mantiveron o mesmo criterio á hora de negar os fondos REACPON de 2021 a Soutomaior, polo que nos vimos na obriga de acudir á vía xudicial e perseverar nela para contar con eses fondos. Agradezo o traballo dos técnicos municipais e dos servizos xurídicos do Concello de Soutomaior para recuperar estes cartos pola vía xudicial”. O alcalde Manu Lourenzo tamén sinalou que “agardamos que a Deputación de Pontevedra cese na xudicialización deste proceso e permita que Soutomaior poida contar canto antes con estes 350.000 euros”.