200 crianzas participan nas actividades de verán que organiza o concello de Soutomaior
Soutomaior, 18 de xullo de 2024. 200 nenas e nenos de idades comprendidas entre os 3 a os 14 anos participan dende o 1 de xullo nas actividades “sorpresa” organizadas polo concello de Soutomaior. Sorpresa porque non é até finais de cada semana cando as familias coñecerán as actividades que o concello ten organizadas cada semana para as e os peques.
Os e as participantes están repartidos en 5 grupos por idades: grupo A (3-4 anos), grupo B (5-6 anos) grupo C (7-8 anos), grupo D (9-11 anos) e grupo E (12 -14 anos).
Son moitas e novidosas as actividades que se programan para estas nenas e nenos nestes días, así xa puideron desfrutar dun obradoiro de bichos, de robótica, dunha ruta en kayak por Cesantes, das actividades do Fornelos Wake Club, de inchables acuáticos no Peirao, dun día no Aquapark de Cerceda, da visita a Corax Fauna na Coruña ou da visita do grupo B ao parque arqueolóxico de Campo Lameiro.
A vindeira semana virá cargada de sorpresas entre as que se atopa a visita en catamarán á Illa de Tambo e a Combarro.
As actividades pecharanse o 26 de xullo coa celebración do Día dos Avós no Peirao de Arcade na que participarán as pequenas e pequenos dos grupos D e E. E cunha festa de clausura que terá lugar ese mesmo día, o venres 26 de xullo, a partir das 21:30 h. na Alameda de Talo Río. Unha cita á que están convidadas todas as pequenos e pequenos participantes nesta edición das actividades de verán e as súas familias e que contará co directo e espectáculo ‘María Fumasa cantar e bailar para ser felices’.