Caldas centra o "Kaldarte 2024" na sustentabilidade e o embelecemento urbano
Caldas, 18 de xullo de 2024.Caldas de Reis centrará o ‘Kaldarte 2024’ na sustentabilidade e o embelecemento urbano. Así o anunciou o Tenente de Alcalde e responsable de Cultura, Manuel Fariña, quen destaca que dez artistas novos e máis recoñecidos realizarán intervencións na vila termal mellorando a estética dos cadros eléctricos municipais con pintura que absorbe dióxido de carbono do aire.
O mandatario nacionalista explica que participarán no certame deste ano artistas novas e tamén máis recoñecidas relacionadas coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra (alumnas e ex alumnas) baixo a batuta da profesora Ana Seoane.
O obxectivo será intervir en dez espazos públicos, convertendo os cadros eléctricos municipais desde os que se controla o alumeado público, o tráfico urbano ou o sistema de rego en obras de arte, mellorando a súa estética, xa que ata o momento, o aspecto decorativo e artístico destes elementos quedaba nun segundo plano afeando a contorna.
Para reverter a situación, as e os creadores pintarán sobre os armarios composicións orixinais propias, ofrecendo deseños únicos de temática ambiental, dando lugar a espazos urbanos máis harmónicos. “Os cadros eléctricos pasarán a ser pezas integradas á perfección na paisaxe e reducirán o seu efecto visual negativo. As e os artistas porán a súa arte ao servizo da nosa vila para mellorala, para embelecela”, subliña o concelleiro Manuel Fariña.
Ademais da sustentabilidade como temática dos motivos a pintar, as intervencións nos armarios de control eléctrico tamén terán unha repercusión directa, aínda que simbólica, na calidade do aire de Caldas de Reis. Para a realización das intervencións artísticas utilizaranse pinturas de silicato con propiedades fotocatalíticas (absorben os óxidos de nitróxeno e o CO2 do aire), que segundo especificacións da empresa fabricante, equivalen ao efecto depurativo que teñen as árbores sobre o medio ambiente, facendo que cada metro cadrado da pintura actúe como unha árbore adulta. Estímase que a realización das dez intervencións previstas terá un impacto depurativo equivalente á plantación dunha ducia de árbores.
O Tenente de Alcalde explica que os traballos de pintado dos primeiros artistas desta edición xa comezaron e finalizarán a semana próxima, cando se realizará un paseo inaugural para coñecer todas as propostas. Ademais, o departamento de Cultura ten previsto editar e repartir un folleto cun plano no que se situarán todas as actuacións, co fin de que as persoas interesadas poidan facer unha ruta pola vila para coñecer cada unha das creacións orixinais.
Segundo apunta Fariña, esta edición do ‘Kaldarte’, a mostra de arte urbano decana na Galiza, pretende ser unha edición de transición previa a unha revisión do certame para o vindeiro ano. A intención, explica o nacionalista, é potenciar a iniciativa cultural para darlle unha maior potencialidade e difusión a nivel galego.