Rematadas as obras de saneamento no barrio de Veigas do Monte (Arcade)
Soutomaior, 17 de xullo de 2024. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, Pablo Garrido, achegáronse a Veigas do Monte, en Arcade, para coñecer de primeira man o resultado final dos traballos desenvoltos nas últimas semanas ao abeiro do proxecto para dotar de saneamento a este barrio, e que supuxeron un investimento de 68.000 euros..
Os traballosvconsistiron no bombeo en máis de 300 metros deste barrio, un novidoso sistema que permitirá un mellor tratamento das augas residuais, ao contar cun mecanismo que separa aqueles restos que non poden ser tratados. Un servizo que, tal e como dixo o alcalde, Manu Lourenzo, “permitirá que moitas casas e parcelas contar cun servizo de saneamento moderno e acorde aos tempos actuais neste barrio de Arcade”.
Ademais, tamén se conectou un novo grupo de domicilios do barrio á rede de saneamento, polo que cada vez máis son as casas adheridas a esta rede, e se realizou un sobreancho de asfaltado e o acceso a varias vivendas.
O obxectivo do goberno local é seguir ampliando nos vindeiros anos a rede de saneamento de Veigas do Monte para que a práctica totalidade da veciñanza conte con esta rede.