O Centro histórico de Pontevedra terá os mesmos requisitos que o resto da cidade para vivendas de uso turístico
Pontevedra, 17 de xullo de 2024. O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, anunciou que o concello de Pontevedra equiparará os requisitos de apertura de vivendas de uso turístico no centro histórico aos do resto da cidade.
Así, desde a entrada deste novo criterio interpretativo, só se autorizarán vivendas de uso turístico en edificios completos, en baixos ou nos primeiros andares.
Tal e como indicou o concelleiro de Urbanismo, na actualidade están rexistradas un total de 90 vivendas de uso turístico no centro histórico, o que sería un 6,10% das vivendas existentes no mesmo —o total de vivendas é de 1.462—. A día de hoxe constan no Concello de Pontevedra 11 comunicacións previas de apertura de vivendas de uso turístico (VUT), algunha delas sen resolver, das que tres son edificios completos, en concreto vivendas unifamiliares. Dentro do conxunto histórico existen, aproximadamente, 20 edificios completos destinados a uso hoteleiro.
“Cómpre facer unha interpretación do artigo 65 do PEPRICA co obxectivo de prever e evitar males maiores no futuro á hora de termos unha correcta convivencia entre residentes e visitantes”, explicou. “Non queremos durmirnos nos loureiros, por iso preferimos tomar medidas e anticiparnos polo que poida pasar”.
Oubiña lembrou que no seu día o centro histórico non estaba limitado por este criterio, xa que a intención do goberno municipal era a de favorecer a rehabilitación de vivendas, tanto para uso residencial como para outro tipo, e que posibilitou o aumento da poboación na zona.