Soutomaior investiu case 15.000 euros para renovar o salón de actos do CEIP Manuel Padín Truiteiro
Pontevedra, 31 de xaneiro de 2025. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, achegáronse esta semana ata o CEIP Manuel Padín Truiteiro para ver os resultados da importante actuación desenvolta polo Concello para renovar o salón de actos do centro educativo.
O alcalde e o concelleiro estiveron acompañados polo director do Padín Truiteiro, con quen se consensuaron os termos da actuación para cubrir as principais necesidades que presentaba o salón de actos. Os traballos que se desenvolveron, e para os que o Goberno de Soutomaior realizou un importante investimento de case 15.000 euros, consistiron na construción dun novo patio de butacas, a mellora do alumeado e do pavimento do salón e a subsanación de diferentes eivas estruturais no escenario para favorecer a realización de actividades.
O obxectivo desta actuación impulsada polo Goberno local é que tanto o alumnado como o persoal docente do centro escolar poidan desfrutar dun salón de actos en boas condicións e cunhas instalacións coidadas.
O alcalde Manu Lourenzo sinalou que “a renovación do salón de actos do Padín Truiteiro era unha actuación prioritaria para o noso Goberno e por iso non aforramos nin esforzos nin recursos para realizar estas obras e cubrir as necesidades trasladadas polo equipo directivo”. Ademais, avanzou que mantén un diálogo fluído e constante co director do CEIP de cara a buscar máis melloras a curto, medio e longo prazo, co obxectivo de que o alumnado teña acceso ás mellores instalacións posibles.
Neste sentido, o alcalde sinalou que “todos os arranxos realizados neste e nos outros centros educativos do concello realízanse porque para Goberno de Soutomaior, investir en educación, dentro das competencias que lle corresponden ao Concello, é un obxectivo prioritario”.