Concello e Carloz Oroza fan do Mercado un espazo único no Estado onde se unen formación, aprendizaxe e emprendemento
Pontevedra, 31 de xaneiro de 2025. O Mercado volverá ser un espazo formativo e experimental da man do alumnado do CIFP Carlos Oroza. Co apoio do Concello de Pontevedra, a escola de restauración volve poñer en marcha un programa único no Estado, que permite ao seu alumnado participar nun conxunto de xornadas prácticas realmente valiosas, de cara ao seu futuro laboral.
A edil de Promoción económica, Anabel Gulías, presentou esta nova colaboración co CIFP Carlos Oroza, agradecéndolles o seu traballo á súa dirección e profesorado, “por permitir inaugurar unha nova tempada”.
“Cada xoves, o alumnado, representado a través de cinco proxectos distintos, poderá aprender e prepararse nun escenario real co seu bo facer”, explicou. “Este ano, como novidade, habilitaremos tamén un posto para que poida estrear un proxecto empresarial de seu, un novo paso nesa idea de promover a gastronomía local e revitalizar este primeiro andar do Mercado”.
Por segundo ano consecutivo, a escola de restauración contará cun espazo semanal onde o seu alumnado porá en práctica o aprendido, ao tempo que ensaia unha proposta real con público
O director da escola pontevedresa, Manuel Hermo, agradeceulle ao Concello a súa “aposta decidida” por este proxecto, “único no Estado e que encaixa cos obxectivos que existen para este espazo”. “Queremos este ano que algún dos proxectos de emprendemento que manexamos se materialice no Mercado, que algunha destas propostas de grupo poida acceder ao mundo empresarial. Hai mozos e mozas que queren emprender e queren facer cousas neste país e nesta cidade”.
O profesor Ricardo Fernández afondou nos cinco proxectos que esta tempada pasarán polo Mercado, e que conforman 17 alumnos e alumnas. Cada unha das propostas grupais son distintas e contan coa supervisión do centro. Desde o xoves, 6 de febreiro, cada proxecto amosará o seu traballo a un grupo pechado de público (entre 20 e 30 persoas), que puideron reservar a súa praza a través da páxina web do centro.
Como novidade, neste 2025, ofrecerase durante o verán un espazo onde o alumnado interesado e escollido poderá vivir unha experiencia real empresarial, xestionando un posto municipal
“Queremos ensaiar unha situación real ou o máis próxima á realidade”, comentou Fernández. “É esixente, pero é un enfoque metodolóxico moi interesante. Chaman de todos os puntos do Estado para preguntar como estamos facendo, porque cren que é imposíbel... pero non o é, aquí estamos a facelo”.
Os proxectos deste ano son Tapería Lusco Fusco, Tortilla d’Or, Jaleo!, Ruda’s Tapería e Efímero Gastrobar