Mosquera pide á Deputación que retome a sinatura de convenios cos concellos da provincia para mellorar as estradas provinciais tras detectar un parón
Pontevedra, 31 de xaneiro de 2025. O voceiro do BNG na Deputación, César Mosquera, solicitouao goberno de Luís López que retome a sinatura de convenios cos concellos para mellorar as estradas de titularidade provincial tras detectar “un parón” no número de proxectos en marcha. O nacionalista destacou que a situación actual non é boa nin “para os concellos afectados nin para a rede viaria de estradas da Deputación”.
Mosquera puxo en evidencia que nin nos plenos provinciais, nin tampouco nas Xuntas de Goberno, se están a aprobar novos acordos de reformas viarias para mellorar a seguranza viaria e a calidade urbana. Achacou o mencionado “parón” aos momentos iniciais de cambio de goberno, ao recente cambio de deputada e tamén ao cambio na dirección do Departamento de Infraestruturas que define e prioriza as actuacións de mellora e instou a que se retome o ritmo: “Agardo que esta petición non caia en saco roto”, dixo, polo beneficio xeral.
O voceiro fixo esta petición no punto relativo á actualización do catálogo de estradas provinciais, no que se incluíron as últimas novidades das transferencias de diferentes treitos de vías provinciais aos concellos, que a partir de agora serán lexítimos propietarios e terán que encargarse do seu mantemento.
Segundo dixo, poñer ao día e ordenar o catálogo de estradas provinciais -sobre todo nos treitos máis urbanos- é un traballo lento, xa que son 1.600 quilómetros de rede viaria, máis que a distancia entre Pontevedra e Barcelona. Lembrou que nos anteriores mandatos se reforzou a regulación desa ordenación para que as vías en zonas poboadas pasasen aos concellos e desaparecesen os problemas administrativos relativos a quen se ocupa do sostemento ou aos permisos para canalizar servizos.
Explicou que as transferencias que hoxe se aprobaron no Pleno veñen de convenios asinados polo anterior goberno nos anos 2017 e posteriores, polo que son “un final feliz”. Advertiu que se nestes momentos os convenios cos concellos están parados notarase seriamente no futuro: “As medidas que se adopten agora rematarán dentro duns anos na reordenación duns treitos que o necesitan e o están pedindo”.
César Mosquera foi crítico xa en varias ocasións co goberno do PP e a súa política de Mobilidade, tendo pedido en varias ocasións que se retomasen as directrices baseadas en potenciar a mobilidade das persoas no deseño viario. No Pleno dos orzamentos de 2025, o voceiro censurou a desaparición da liña de actuacións de mobilidade amable e non motorizada “non se sabe a santo de que”, xa que os alcaldes de todo signo político estaban a dar o seu aval e sumábanse á iniciativa. “Era algo que funcionaba e non era polémico”, lembraba.