Soutomaior investirá case 75.000 euros no arranxo da estrada de acceso a Cortellas
O Goberno de Soutomaior xa ten sobre a mesa o proxecto para levar a cabo o arranxo na estrada que da acceso ao barrio de Cortellas desde o Val-Sobral, despois de que se viñese abaixo no pasado mes de novembro parte do talude natural nunha escorredura de terras producida polas riadas. Desde o momento mesmo do sinistro, o Goberno púxose a traballar para atopar unha solución o antes posible que garantise a seguridade dos transeúntes e a reapertura do tráfico nesta estrada, unha das tres vías de acceso ao barrio de Cortellas.
Así, Soutomaior investirá case 75.000 euros de fondos propios neste proxecto, despois de que a Deputación de Pontevedra se negase a facerse cargo desta actuación a través da súa liña de axudas de emerxencia. O proxecto foi redactado por ‘Bercal. Consultoría Ingeniería Medioambiente’, e está á espera de a Augas de Galicia envíe o informe de aprobación definitivo.
O concelleiro de Obras, Pablo Garrido, explicou que a actuación prevista na estrada de Cortellas ten por obxectivo estabilizar o talude coa construción dun muro de dique de 14 metros de lonxitude, 5,5 metros de altura máxima e 1,2 metros de ancho. O Goberno de Soutomaior espera licitar o proxecto nas vindeiras semanas, co obxectivo de poder comezar coas obras canto antes e que a estrada volva estar aberta ao tráfico.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou “o Goberno local fai un gran investimento, de case 75.000 euros, co obxectivo de arranxar a estrada de acceso a Cortellas. No momento no que tivo lugar a escorrentía, a nosa principal preocupación foi garantir a seguridade da veciñanza, e por iso nos puxemos nese mesmo momento a traballar para buscar a mellor solución. Foron varios meses de traballo cos técnicos e a enxeñería, e agora que o proxecto xa é unha realidade, agardamos que Augas de Galicia dea o visto bo definitivo canto antes para poder levar a cabo a obra e que o barrio de Cortellas volva á normalidade. Quero agradecer a paciencia e colaboración de toda a veciñanza do noso concello que habitualmente empregaba esta estrada e que moi pronto poderán volver facer uso dela con total normalidade”, concluíu Manu Lourenzo.