Pontevedra oferta 600 prazas para un ponteverán emocionante

Pontevedra oferta 600 prazas para un ponteverán emocionante

O edil de Xuventude, Demetrio Gómez, presentou o programa completo do que será o Ponteverán 2024, programa municipal configurado a través dunha oferta cultural e de ocio educativo para a mocidade e adolescencia —entre os 8 e 35 anos—. Rapazas e rapaces terán a oportunidade de realizar actividades ao aire libre, a través das cales se favorece o seu desenvolvemento persoal con valores positivos de inclusión, respecto, creatividade, hixiene, esforzo e igualdade.

Todas as actividades de Ponteverán son de balde. O vindeiro 3 de xuño abriranse os formularios en liña para remitir solicitudes. Unha vez esgotado o número máximo de solicitudes por actividade, o formulario pecharase e avisarase ás persoas admitidas para que formalicen a inscrición coa achega da documentación necesaria, ou para o sorteo de prazas —no caso de ser necesario—. Posteriormente xestionarase a lista de agarda de cada actividade coas prazas asignadas que vaian quedando vacantes.

As propostas deste ano poden ser consultadas na páxina web oficial do Concello de Pontevedra. Ademais, é posíbel solicitar información de primeira man na Oficina Municipal de Xuventude do Concello de Pontevedra, na Casa da Luz, en horario de 09.00 a 14.00h ou no teléfono 986 840367.

O cartaz deste ano nace do talento e da man da artista pontevedresa Alba Santa, que deixou unha serie de ilustracións frescas e de verán, que anticipa a chegada do inicio das actividades como un xeito de socialización, diversión e desconexión.

O concelleiro Demetrio Gómez lembrou que este é un programa «de lecer e de tempo libre, a parte do programa de festas dentro do verán pontevedrés no que a mocidade pode facer unha chea de cousas».

Así, o edil lembrou que Ponteverán contempla campamentos, obradoiros culturais e artísticos, cursos deportivos, exploración da natureza e aula de informática. «Animo a xente a que bote unha ollada ao programa. Quen tivese 13 anos e poder ir ás cabanas de Salcedo a participar nalgún dos campamentos».

 

Pontevedra oferta 600 prazas para un ponteverán emocionante