O BNG quere recuperar o escenario acuático do Umia para as próximas festas de Caldas
O Concello de Caldas de Reis, da man do tenente de alcalde Manuel Fariña, quere recuperar o que fora unha das iconas das festas da vila: o escenario acuático sobre o Umia. Para iso, o nacionalista xa se puxo en contacto con Augas de Galicia, ao que remitiu toda a documentación para que a solicitude municipal para ocupar legalmente o leito do río chegue autorizada canto antes.
Fariña destaca que o escenario foi eliminado sen máis hai uns doce anos, deixando así sen uso un lugar emblemático para as festas no centro da vila termal, e suprimindo tamén a programación cultural que alí se facía por parte do Concello. O nacionalista subliña que é preciso retomar tanto a ‘plataforma’ no leito do río como as grandes actuacións capaces de encher ata a bandeira o malecón caldense, recuperando deste xeito un dos grandes iconos das festas de verán de Caldas de Reis..
“Queremos aproveitar a praia fluvial detrás do Concello para que os concertos se vexan dende o xardín, dende o malecón, que resulta ser unha bancada extraordinaria e única en todo Galiza para calquera celebración, dinamizando o río como punto de encontro veciñal”. Apuntou que a intención é organizar novas actuacións culturais “con grande tirón” para atraer xente non só de Caldas senón tamén doutros concellos veciños e do resto da provincia. Neste sentido, subliñou que esa contorna natural “tan atractiva” permitiría a asistencia de máis de 3.000 persoas.
Fariña subliñou que para o BNG é unha prioridade “recuperar o Umia completamente, o leito natural e poder recuperar todos os espazos urbanos de uso social, como a praia fluvial da Ferrería, o malecón, os choróns e, xa dende agora nun primeiro momento, o escenario do Umia para as festas de verán”.
Fariña agarda unha resposta áxil por parte da Xunta de Galiza co fin de poder dar saída a toda a programación xa organizada máis outra que está “en carteira” para a próxima Feira Tradicional de Caldas. Esta terá lugar o vindeiro 11 de agosto e que marcará o inicio dunhas festas de verán que serán unhas das mellores festas da provincia.