Pontevedra mellora os seus parques infantís
A Concellaría de Servizos Urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda, deu esta semana un paso definitivo no estudo que o seu departamento está a realizar sobre o estado de conservación das áreas infantís de xogo do Concello encargado a final do pasado ano.
O obxectivo deste plan especial de supervisión, priorización, reparación e mantemento é que a cativada poida xogar en espazos seguros e adecuados, en boas condicións de seguridade e de hixiene.
Das 40 áreas de xogo infantil que se terán que supervisar, están examinadas 26, e esta semana semana xa se comezaron cos traballos de reparación nas dúas primeiras: Ponte Boleira e Mollavao.
As inspeccións axustáronse ao cumprimento das normas UNE-EN 1176 e UNE-EN 1177 e de equipos deportivos segundo as normas UNE-EN 15312, UNE-EN 1270, UNE-EN 748, UNE-EN 749, UNE-EN 750, e UNE-EN 16630; ademais do Decreto 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís na Galiza.
As supervisións consisten na avaliación xeral da área de xogo na que se revisa a contorna, distancias de seguridade, equipos de xogo, toma de fotografías, etc, así como as posibles deficiencias de instalación e mantemento que poidan ter os equipos e equipamentos instalados na área. Ademais, tamén se fai unha avaliación da capacidade da superficie amortecedora de impactos instalada na área de xogo.
Os primeiros arranxos comezaron polos parques infantís de Ponte Boleira e Mollavao. No primeiro caso contémplase a limpeza xeral do parque, reparación do pavimento de céspede artificial, reparación e pintado do valado perimetral de madeira, reparación integral dos xogos: resorte, da casiña, do asento berce e das cadeas do bambán, pintado dos xogos do parque, así como outros elementos de seguridade e protección como os tapóns. O orzamento de Ponte Boleira é de 15.581,87 euros.
No parque infantil de Mollavao, situado na rúa Fonte Santa, tamén se realizará unha limpeza xeral do parque, desinfección, achega de área e limpeza xeral da vexetación; reparación e pintado do valado perimetral de madeira, reparación integral dos xogos: resorte e do xogo múltiple e substitución de tapóns, parafusos e outros elementos de seguridade. O orzamento de mellora deste parque é de 5.560,31 euros.
Bambán adaptado no parque de Europa
A Concellaría Servizos urbanos básicos en coordinación co concelleiro delegado do barrio de Monte Porreiro, Alberto Oubiña, vén de instalar un novo bambán adaptado na área infantil do parque de Europa, unha petición moi demandada polo barrio e da que poden gozar os máis cativos dende a pasada semana.