Soutomaior inicia o proxecto de arranxo e reforma do cemiterio de Arcade

Soutomaior, 19 de febreiro de 2025. O Goberno de Soutomaior está a traballar xa na redacción dun proxecto para acometer o arranxo e reforma do cemiterio parroquial de Arcade, en Salgueirón, ante os casos de afundimento dos muros que se veñen a dar desde hai lustros, froito dunha construción deficiente e a falta de mantemento durante décadas.
No momento da súa construción, o cemiterio de Arcade foi construído sobre un recheo do leito dun antigo regato. O feito de construír o cemiterio sobre esta base inestable provocou que xa desde hai máis dunha década se veñan a producir afundimentos, dañando as estruturas tanto dos muros exteriores como dos nichos. A pesar desta complicada situación, durante anos non se buscaron alternativas nin solucións para esta patoloxía.
Desde o comezo deste mandato o Goberno de Soutomaior está estudar solucións técnicas que garantan a integridade do cemiterio e poñer fin aos afundimentos que se están a producir. Neste sentido, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, mantiveron unha reunión no cemiterio de Arcade cun arquitecto especializado que se encargará de redactar o proxecto. Ademais, aproveitando a actuación, o proxecto tamén contemplará a reforma e mellora dos accesos, pavimentos e outras estruturas da instalación.
Tras a reunión, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que “cando entramos no Goberno atopámonos con este grave problema de afundimentos nos terreos do cemiterio de Arcade que se vén a producir desde hai máis dunha década. Non é entendible que durante lustros non se levase a cabo ningún tipo de actuación para non ter que chegar á situación actual. O Goberno de Soutomaior está xa traballando con expertos do sector para implementar unha solución que será complexa e que resolverá esta situación, ao tempo que permitirá unha reforma integral e estética de todo o cemiterio”.