Soutomaior contratará este ano 19 persoas para labores administrativos e de limpeza e mantemento
O goberno de Soutomaior vén de anunciar que contratará 19 persoas para levar a cabo tarefas administrativas de limpeza e mantemento no concello durante 2024. Tal e como destaca o goberno local, a contratación levarase a cabo a través dun procedemento de total transparencia. Os códigos necesarios para presentarse ás ofertas de emprego serán públicos. Así, calquera veciño ou veciña interesada poderá consultar os códigos nos medios de comunicación, nas redes e na páxina web do concello.
Estas 19 persoas estarán divididas en tres bloques con diferentes funcións: haberá 10 postos de peón forestal, que estarán dedicados a tarefas relacionadas coa limpeza e mantemento de camiños, así como a prevención de incendios; outros 4 postos de varredor, que se dedicarán á limpeza e mantemento de rúas e zonas verdes municipais; e os 3 postos restantes serán para albanel, que realizarán tarefas de mantemento de rúas, beirarrúas, instalacións municipais e outras vías públicas.
A maiores, o Concello de Soutomaior tamén contratará unha persoa para ocupar un posto de auxiliar administrativo e outra persoa para auxiliar da biblioteca. Ambos os dous contratos terán unha duración de 9 meses. O goberno de Soutomaior escalonará a súa incorporación co obxectivo de que haxa persoal a maior parte do ano e que nos meses de maior necesidade o concello conte coa totalidade das persoas contratadas activas.
Os veciños e veciñas interesadas en presentarse ás ofertas de emprego deberán estar dados de alta no paro e ser solicitantes de emprego. Deberán pedir cita na súa Oficina de Emprego e pedir que na súa ficha conste o código do posto ao que queren postular. Os códigos son os seguintes: PEÓN FORESTAL: 95431028, VARREDOR: 94431016, ALBANEL: 7121, AUXILIAR ADMINISTRATIVO: 45001019, AUXILIAR DE BIBLIOTECA: 42101011. Se as persoas interesadas teñen calquera dubida sobre o procedemento, poden poñerse en contacto co Concello de Soutomaior a través das canles oficiais.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “Soutomaior contará con 19 persoas realizando labores administrativas e nas rúas para realizar tarefas de limpeza e mantemento ao longo de 2024. A selección deste persoal levarase a cabo de maneira totalmente transparente e en igualdade de condicións. O obxectivo é que Soutomaior conte durante a maior parte do ano con persoal que manteña arranxado o noso concello e prestar á veciñanza o servizo que se merece”.