Lores: «A situación do Concello é complicada e é real, temos problemas importantes de funcionamento»
Pontevedra, 9 de xaneiro de 2024. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, valorou a situación orzamentaria actual do Concello de Pontevedra, logo de que PP e PSOE impedisen a aprobación dos Orzamentos 2024 propostos polo Goberno Local, vinculados a unha cuestión de confianza, o pasado 8 de xaneiro.
«Unha vez afondado no estudo do órgano de contabilidade e xestión orzamentaria do Concello de Pontevedra, sabemos que deberán ser retidos máis de 11 millóns de euros mentres teñamos os orzamentos prorrogados», explicou o alcalde. «Esta mañá xa temos sobre a mesa 17 contratos, e as súas necesidades económicas, recollidos no Orzamento do 2024, que suman 4.465.991 euros, que veñen xa do ano pasado (son plurianuais), licitados, adxudicados algúns deles. Teñen en común que todos eles precisan a día de hoxe ser pagados con partidas reservadas a outros fins para ser executados».
O rexedor quixo exemplificar con estes contratos, a parálise e bloqueo que atravesará o Concello nos vindeiros meses, até que sexa aprobado o novo orzamento. «Está sendo e será un traballo complexo para a área económica do Concello», lembrou. «O que está claro é que teremos que priorizar. Así, por exemplo, o xoves teremos que asinar o contrato para o mantemento das caldeiras nos centros de ensino. Non hai cartos para iso, non están consignados, mais está claro que buscaremos o xeito de facer fronte a este pago. Cando teñamos todos os datos completos faremos esa priorización política, e resolveremos todas as cuestións urxentes».
«A situación do Concello é complicada e é real, non esaxeramos nin dixemos nada no pleno que non fose verdade», sinalou Lores. «Temos problemas importantes de funcionamento. Se eu fose o presidente dun parlamento convocaría eleccións, pero como non podo, unha vez rexeitada a proposta de orzamento, utilizamos o único mecanismo que temos nesta administración: a cuestión de confianza, poñendo o meu cargo a disposición da corporación».
O rexedor explicou que se está a vivir unha parálise grande no Concello que durará, previsiblemente, até mediados de marzo, cando se aproben definitivamente os novos orzamentos se a oposición non presenta unha moción de censura antes do 8 de febreiro.