Soutomaior comeza este venres a recollida de sinaturas contra a estafa eléctrica
Soutomaior, 24 de xuño de 2021. O BNG de Soutomaior inicia este venres unha campaña de recollida de sinaturas no concello contra a ”abusiva” tarifa eléctrica imposta hai un mes e que provocou que xuño tivese a factura da luz máis cara de toda a historia.
Os nacionalistas levan anos a reclamar o control dos precios da electrcidade ao consideralo un “ben de primeira necesidade”. Neste senso, cren que a baixada do IVE aprobada polo Goberno non será suficiente mentres non se regulen “os millonarios beneficios que obteñen as multinacionais” coa vida da poboación.
Por este motivo, o grupo municipal súmase á iniciativa doutros concellos como Pontevedra, onde se puido ver ao deputado nacionalista Luís Bará participar nunha recollida de sinaturas entre os veciños e vecinas da cidade. O obxectivo é sumar a máis cidadáns ao posicionamento do BNG, informando da situación actual e aportando solucións como a “creación dunha empresa pública de enerxía”.
Coa fin de que os veciños e vecinas de Soutomaior tamén poidan ser partícipes dunha petición que o BNG considera “de xustiza”, o grupo municipal atenderá este venres a partir das 20:00 no exterior do seu local a aquelas persoas que estean interesados en asinar, e o sábado a partir das 10:00 na plaza de Talo Río. Outro esforzo máis do BNG por intentar acabar co modelo depredatorio imposto polo gran capital e amparado durante moitos anos pola Xunta de Galicia e polo Goberno estatal.