ATENDE NENOS E NENAS DE 0 A 6 ANOS DE SOUTOMAIOR, REDONDELA, PAZOS DE BORBÉN E FOLNELOS DE MONTES
O servizo de atención temperá abre as súas portas
Soutomaior, 7 de abril de 2026. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, xunto co alcalde de Pazos de Borbén e a alcaldesa de Redondela, visitou o novo Servizo de Atención Temperá (SAT), situado na rúa Isidoro Queimaliños, 2, en pleno centro histórico de Redondela.
Este recurso nace como froito da colaboración entre os concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes para ofrecer unha atención especializada a nenas e nenos de entre 0 e 6 anos. O servizo está dirixido a menores que presenten trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos. Segundo os datos do IGE, a área de influencia dos catro municipios suma 1.647 menores nesa franxa de idade, estimándose que arredor do 10 % poderá precisar este apoio nalgún momento.
Un modelo integral centrado na contorna familiar
O servizo, integrado na Rede Galega de Atención Temperá e cofinanciado pola Unión Europea (Programa FSE+ Galicia 2021-2027), está xestionado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). A diferenza dos modelos tradicionais, este SAT aposta por unha intervención centrada na familia. O obxectivo é que as profesionais acompañen aos pais e nais nas rutinas diarias (comidas, xogo, hixiene) para converter cada momento nunha oportunidade de aprendizaxe e autonomía, sen engadir cargas extras ás familias.
O equipo multidisciplinar está formado por Andrea Álvarez (psicóloga), Paula Piñeiro (logopeda) e Paula Hernando (fisioterapeuta pediátrica). Este grupo de expertas traballará de xeito coordinado cos recursos de sanidade, servizos sociais e educación da comarca.