Caldas pecha a Semana Santa cun 100% de ocupación grazas ao cambio estratéxico de datas do ‘Kalidas Primavera Fest’

Kalidas Privamera Fest
Kalidas Privamera Fest
Caldas pecha a Semana Santa cun 100% de ocupación grazas ao cambio estratéxico de datas do ‘Kalidas Primavera Fest’

Caldas, 7 de abril de 2026. aldas encheuse esta Semana Santa. A vila termal conseguiu durante os días centrais das vacacións un 100% de ocupación nos diferentes aloxamentos grazas, entre outros factores, á decisión estratéxica de celebrar o ‘Kálidas Primavera Fest’ nestas datas para potenciar a chegada masiva de visitantes. Os hoteis, albergues, pensións e hostais, e tamén a hostalería, tiveron unha actividade frenética, colgando o cartel de ‘completo’ e facendo que a satisfacción no sector turístico fose absoluta.

A confirmación dos datos de ocupación realizouse por parte de persoal técnico da Oficina de Turismo, que contactou cos establecementos para estimación e seguimento. Ademais, na propia oficina atendeuse público procedente de diversas comunidades autónomas como Cantabria e Madrid, algúns incluso chegando en caravana para non perder as actuacións das orquestras. 

As cifras, que chegaron a termos absolutos o xoves, venres e sábado e tamén foron elevadas durante o resto de xornadas,  reflicten un notable incremento con respecto á Semana Santa de 2025, que aínda que fora positiva, subliña o Concello, non alcanzara a magnitude de afluencia deste ano. “Superáronse as expectativas”, advirten.

Ademais das pernoctas, o goberno local destaca que durante todos os días do festival houbo un ambiente excepcional na vila termal, cunha gran afluencia de público nas rúas e locais de hostalaría. Segundo os cálculos realizados, só o día da actuación da Orquestra Panorama -que fixo dous pases-, pasaron polo aparcamento da Tafona máis de 16.000 persoas, cifra que evidencia a enorme repercusión e atractivo do evento.

O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura e Turismo Manuel Fariña, expresou a súa satisfacción total co éxito das novidades introducidas na antes chamada ‘Festa da Primavera’. "O cambio de datas para celebrar o ‘Kalidas Primavera Fest’ e facelo coincidir coas vacacións de Semana Santa foi un acerto absoluto. Grazas a esta decisión estratéxica, Caldas estivo chea e puidemos colgar o cartel de completo en todos os aloxamentos. Este evento, tal e como sempre defendemos, é fundamental para poñer a nosa vila no mapa e atraer visitantes de toda Galiza e do Estado", salientou.

Fariña tamén subliñou que a organización do Torneo Vila de Caldas de fútbol base achegou á vila 750 deportistas, acompañadas de familias e equipas técnicas, o que contribuíu a amplificar aínda máis a sensación de que “Caldas estivo ata a bandeira”. O nacionalista destacou que o Concello, na súa liña estratéxica por potenciar eventos culturais atractivos e citas deportivas en calquera época do ano, quere posicionar Caldas complementando o turismo que xa chega a través do Camiño de Santiago e o termalismo. 

“Traballamos por intentar desestacionalizar a afluencia de xente e dado que na Semana Santa Caldas non é referente de actividades relixiosas, nós aumentamos a aposta programando eventos de calidade que fan que a nosa vila teña aínda máis vida e movemento do que xa hai de seu”, subliña. 

Caldas pecha a Semana Santa cun 100% de ocupación grazas ao cambio estratéxico de datas do ‘Kalidas Primavera Fest’