A Biblioteca Municipal de Caldas acolle a presentación do libro ‘O imperialismo no século XXI’ de Duarte Correa

A Biblioteca Municipal de Caldas acolle a presentación do libro ‘O imperialismo no século XXI’ de Duarte Correa

Caldas, 6 de abril de 2026. O Concello de Caldas de Reis vén de organizar a presentación do libro ‘O imperialismo no século XXI’ este venres na Biblioteca Municipal. Contará coa presenza do autor, Duarte Correa, e do tenente de alcalde e responsable de Cultura, Manuel Fariña.

O responsable nacionalista explica que o acto, de máxima actualidade, pretende poñer luz na política internacional facendo unha reflexión sobre a economía internacional, a súa base e as consecuencias, visibilizando as orixes das guerras, xenocidios e conflitos abertos a día de hoxe en Irán, Palestina, Ucraína, Venezuela ou Cuba, entre outros lugares. 

O libro aborda unha cuestión fundamental para comprender o mundo actual, especialmente nun momento marcado por acontecementos internacionais que poñen en dúbida certezas anteriormente asentadas. “Falar de imperialismo hoxe é falar dunha realidade visible que nos afecta directamente e que debemos coñecer para entender como se reflicte na nosa vida cotiá”, subliña Fariña.

‘O imperialismo no século XXI’ analiza o papel da OTAN como instrumento dos Estados Unidos para manter a súa hexemonía en declive, a autonomía estratéxica da Unión Europea e o aumento do gasto militar, desvelando as verdadeiras intencións detrás dos discursos vixentes. Ademais, desmonta mitos e amosa outras realidades pouco visibilizadas, nas que países apostan por alianzas baseadas no diálogo e a cooperación fronte á imposición, defendendo que a alternativa ao imperialismo reside na defensa da soberanía dos pobos.

O autor do libro, Duarte Correa Piñeiro, é profesor de Ensino Secundario no IES Ramón Cabanillas de Cambados. Con longa traxectoria na análise internacional, é autor e coautor de diversas publicacións sobre xeopolítica e loita pola soberanía dos pobos, e ten colaborado en medios galegos e internacionais e participando en seminarios en Europa e América Latina.

A Biblioteca Municipal de Caldas acolle a presentación do libro ‘O imperialismo no século XXI’ de Duarte Correa