O BNG organiza a segunda edición da Festa da Lingua en Valga
Valga, 26 de maio de 2025. Con motivo do Día das Letras Galegas, o BNG volver organizar a Festa da Lingua de Valga. Esta segunda edición terá lugar na praia fluvial de Ponte Valga o sábado 31 de maio, nunha xornada de música, xogos e enredos infantís. Ás 14:00 horas será o xantar popular, onde cadaquén pode traer a súa comida, e ás 17:00 horas será o tempo dunha foliada aberta que reivindicará o legado das cantareiras e da poesía popular de Valga.
Foi precisamente un valgués de Cordeiro, Xesús Ferro Couselo, quen impulsou, xunto cos académicos Francisco Fernández del Riego e Manuel Gómez, a celebración do Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, coincidindo co centenario da primeira edición de "Cantares Gallegos", de Rosalía de Castro.
A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas tres das Pandeireteiras de Mens (Malpica).
Grazas a unha moción presentada polo grupo municipal do BNG, o Concello de Valga realizará tamén unha homenaxe institucional a todas as cantareiras de Valga o venres 30 de maio ás 19:00 horas, no Auditorio de Cordeiro.
As irmáns Maruja e Olga Tarrío Campaña, Clara Campaña Sabogueiro “A Caldeireira”, Dolores Pena, Asunción Dina Castiñeiras “Dina do Casadiño”, Rosa “de Lema”, Esther “do Piloto”, Lola “de Quinteiro”, Maruja “da Pena”, Rosa “de Quinteiro”, Manuela “a do Rubio”, as irmás María e Alcira de Cerneira, Asunción Castroagudín Sóñora ou Elena Seoane Castroagudín, son só algunhas das que mantiveron a tradición oral ao longo dos anos, conservando parte do patrimonio cultural, social e histórico de Valga.