Ponteverán achega 18 propostas de ocio para rapazada e mocidade con idades comprendidas entre os 4 e os 25 anos
Pontevedra, 26 de maio de 2025. O edil de Xuventude, Demetrio Gómez, presentou unha nova edición do programa Ponteverán, que achega cada ano unha morea de propostas de lecer alternativo destinadas a cativada e mocidade. “Presentamos hoxe Ponteverán, que vén cheo, con 87 propostas para 63 días de verán, os que hai entre o 30 de xuño e o 31 de agosto. Serán 18 propostas diferentes en 20 quendas, todas de balde e todas para pontevedreses e pontevedresas de entre 4 e 25 anos”.
“Prestaríanos destacar que todas as actividades precisan de inscrición previa, a partir do 2 de xuño en apuntate.pontevedra.gal estarán os formularios de inscrición. A información está en xuventude.pontevedra.gal ou na oficina de Xuventude polas mañás na Casa da Luz e no 986 840367 no mesmo horario, de 9.00 a 14.00 h.
O ano pasado ocupaáronse o 97% das prazas ofertadas e nun 62% delas houbo que facer sorteo por mor da alta demanda e das listaxes de agarda. Son sorteos que procuran, sobre todo cos campamentos, que cada neno e cada nena de Pontevedra que se apunte asista a un. Priorizanse as nenas e nenos empadroados en Pontevedra fronte aos doutros concellos, que só poderán asistir no caso de prazas vacantes”.
O edil subliñou que hai actividades para a rapazada dos 4 aos 25 anos, aínda que “a maior parte están destinadas á cativada ou aos adolescentes máis novos. Son actividades de diferentes tipos: haberá 6 campamentos desde ‘O regreso á Prehistoria’en Salcedo ao ‘Ecoexplorando’ de Monte Porreiro e outros centrados na cociña, na botánica, no teatro.
Haberá actividades na Casa Azul e no Local de Música, así como ao aire libre. Entre as actividades haberá dúas relacionadas co Ano Castelao:‘Tras os pasos de Castelao en Salcedo’ e ‘Teatreirxs, edición Castelao’.
No Pazo da Cultura realizarase un mural nos almacéns onde se leva a cabo RockLab.