Pontevedra acolle un ano máis a Gala dos Premios Martín Códax organizada por Músicas ao Vivo
Pontevedra, 23 de maio de 2025. O edil de Cultura Demetrio Gómez presentou a Gala dos 12 Premios Martín Códax da Música, “unha das citas obrigadas da cultura deste país, da música galega e da primavera pontevedresa” que terá lugar o vindeiro mércores 28 de maio no auditorio do Pazo da Cultura a partir das 20.30 h.
Acompañado de organización e patrocinadores, Demetrio manifestou estar moi contento e orgulloso de que este evento, que pon en valor o talento musical do país, leve tantos anos escollendo Pontevedra como a súa casa. “Estes premios son un impulso aos músicos e músicas galegas cos que o Concello de Pontevedra está volvado desde o primeiro ano, con novidades nestes últimos anos.
"Menos leria, moita música". Así avanzan o que será a gala de entrega dos 12o Premios Martín Códax da Música os seus guionistas e presentadores: a regueifeira, Lupe Blanco e o bailador e músico, Xisco Feijóo, quen afirmaron que será “unha gala áxil, máis rápida do que é costume nos premios, e en clave de humor. Unha gala dinámica, estruturada en varios bloques e na que a música sexa a principal canle de transmisión”.
Sheila Patricia, de Músicas ao Vivo, promotora dos premios, avanzou en Pontevedra algúns detalles da gala da próxima semana, que poderá seguirse ao vivo en premiosmartincodaxdamusica.gal e pola plataforma agalega.gal. xa que “é posible que non haxa moito oco para o público en xeral xa que son moitas as persoas finalistas e familiares. Agardamos o luns poder comentar en redes as vacantes, por se alguén se quere achegar”.
“O grupo Ailá encargarase da banda sonora da noite do mércores 28, nun espectáculo conectado estreitamente co Día das Letras deste ano 2025, dedicado ás cantareiras e á poesía tradicional oral. O grupo de Santiago de Compostela leva á gala dos 12o Premios Martín Códax a súa proposta, baseada na recolla e pensada para bailar e gozar da música. Representantes do novísimo tradi, Ailá xa foi seleccionado para representar a Galicia no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2024, no WOMEX 2023, no Festival Interceltique de Lorient 2023 ou no Celtic Connections de Glasgow en 2020, entre outras citas.
Xotas, muiñeiras e rumbas soarán entre premio e premio nunha gala, con escenografía de Diego Valeiras, na que se homenaxeará as mulleres cantareiras que mantiveron e manteñen o legado musical tradicional.
Entre os 20 galardóns entregados, cabe destacar o honorífico ao grupo Leilía e o de Artista Emerxente do que son finalistas Ash Diz, Paracetafolk e Ulex. O equipo responsable da gala resérvase algunha sorpresa para o día 28, pero subliñou que a complicidade e interacción do público son obxectivos do espectáculo deseñado para esta décimo segunda edición dos Martín Códax.
Prazo para votación do público aberta ata o domingo 25
Na rolda de prensa de Pontevedra, Sheila Patricia, presidenta de Músicas a Vivo, lembrou que ata este domingo 25 de maio socias e socios de Músicas ao Vivo e público en xeral, poden votar os proxectos finalistas dos premios 2025 a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal. No reconto final de votos, cunha regra de baremación, o 50% corresponderá á votación do público e o outro 50% aos votos dos socios e socias de Músicas ao Vivo.